Nova ruta de sendeirismo polas Fragas do Eume

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A área de deportes do Concello de Cabanas informa da celebración dunha nova ruta, que se celebrará o sábado 26 de novembro, con saída ás 10 h desde o Concello de Cabanas. Desde aí, sairase en coche até o punto de inicio da ruta, en Valedoso.

Trátase dunha ruta circular, que fai un percorrido de 8 quilómetros, cun desnivel de subida duns 120 metros, polo que a súa dificultade será moderada. A hora estimada de remate serán as 13.30 horas.

A camiñada iniciarase en Valedoso, desde onde se partirá cara o Barqueiro para descender por unha pista no interior do Parque Natural das Fragas do Eume, no que se poderá desfrutar dalgunha vista sobre os canóns do Eume nesta época outonal. O percorrido permitirá desfrutar de especies autóctonas como castiñeiros e outras árbores, así como unha importante variedade de fentos e outras especies de plantas.

Tamén se verán muíños e se visitarán diversos miradoiros sobre o canón do Eume, completando o percorrido por un bosque de carballos para regresar ao punto de partida, en Valedoso.

Para participar nesta andaina é preciso realizar inscrición previa antes do mércores 23 de novembro, enviando un correo electrónico a deporte@cabanas.gal no que se deberá indicar nome e apelidos, DNI, data de nacemento (día/mes/ano), teléfono e localidade de procedencia de todas as persoas a anotar.

Recoméndase levar roupa e calzado axeitados (botas ou zapatillas de montaña con taco) e bastóns, así como auga e algo para picar. Lémbrase tamén que toda actividade física require dun mínimo de preparación e estar exentos de patoloxías médicas que desaconsellen a práctica desta actividade deportiva.

Share.

Comments are closed.