lunes, noviembre 11

Roteiro de Soaserra ao Mosteiro de Caaveiro

Ficha técnica

  • Traxecto: Circular
  • Lonxitude: 13 km
  • Tempo estimado: 4 horas.
  • Dificultade: media/alta.
  • Desnivel: Positivo 486 m
  • Elevación máxima: 321 m

Wikiloc | Circular Igrexa de Soaserra – Mosteiro de Caaveiro.

Powered by Wikiloc

Descrición da ruta:

A ruta de Soaserra a Caaveiro é circular. Transcorre polo interior da Fraga e conta cun tramo pola beira do Río Eume até chegar ao Mosteiro de Caaveiro.

Comezamos no lugar do Igrexario. Alí hai unha explanada ao carón da Igrexa de Santa Olaia de Soaserra onde poderemos aparcar. Entre as súas curiosidades, conta cun retablo do S. XVIII policromado, que un día estivo na igrexa prioral de San Xoan de Caaveiro.

Atravesamos o cemiterio para descender por un pequeno sendeiro que nos leva até un sinal de madeira dirección Xabariz, ao carón dun lavadoiro. Atravesamos a ponte de madeira e ascendemos uns 500 metros até chegar a Xabariz.

Unha vez alí, empatamos cun pequeno tramo asfaltado que atravesa a aldea. Deixamos a man dereita un hórreo de ladrillos continuando recto para coller un camiño empedrado que nos vai metendo pola fraga. O camiño convértese nunha pista forestal de aproximadamente 2 km pola que descenderemos. Cruzaremos o regato das Novelas e continuaremos aproximadamente 3 km até atoparnos de fronte coas augas cristalinas do Río Eume. Alí xiramos a man esquerda e collemos o sedeiro á beira do río que nos levará a Caaveiro.

Comeza un tramo espectacular, onde descubriremos verdadeiras xoais botánicas coma fentos coetáneos dos dinasauros, que impregnan de maxia estes bosques de ribeira.

Pasamos pola Ponte de Fornelos, unha presa e seguimos as indicacións de sendeirismo. Na metade do traxecto a Caaveiro entramos no concello de A Capela. Atravesamos unha ponte de madeira onde atoparemos un cruce sinalado, mantémonos á dereita con dirección á ponte de Santa Cristina. A 600 metros chegaremos á ponte e collemos á man esquerda para visitar o Mosteiro de Caaveiro, declarado Monumento Artístico en 1971. Con máis de dez séculos de historia, albergou a ermitáns que buscaban o retiro espiritual. Ao longo da súa existencia alternáronse fases de decadencia e esplendor.

Tras visitar o mosteiro, para continuar a ruta debemos coller o sendeiro empedrado que baixa cara o Muíño de Sesín. Descenderemos por el até chegar a unha ponte de pedra onde veremos as ruínas do muíño, desde onde podemos tomar unha das imaxes máis icónicas das Fragas do Eume co arco da ponte como telón de fondo. Atravesamos a ponte continuando uns metros para coller o sendeiro de baixada a man esquerda. Continuaremos por este sendeiro até chegar ao cruce sinalizado, bordeando así o enclave do mosteiro, para coller polo mesmo camiño, á dereita, a volta pola beira do río.

Antes de chegar á ponte de Fornelos hai que ir prestando atención, porque xiraremos á dereita pola pista forestal que nos levará de regreso á aldea de Xabariz. Esta pista é de subida, facendo un zigzag aproximadamente de 3 km. Transcorre polo interior da Fraga, podendo observar o contraste de paisaxe do bosque autóctono que convive coas plantacións forestais. Aproximadamente a 1 km de subida atoparemos unha bifurcación onde continuaremos ascendendo polo camiño á man esquerda.

Chegaremos á aldea de Xabariz. Se rueiramos pola aldea descubriremos un tesouro na cúspide dun hórreo de 1872. Un reloxo de sol circular en perfectas condicións que se atopa neste hórreo derrubado polo furacán Klaus, é mostra de que na comarca do Eume se mediu o pasao do tempo colocando este tipo de relxos en diferentes construcións populares.

Voltamos ao Igrexario polo mesmo sendeiro que collemos á ida tendo en conta que chegaremos a unha bifurcación que tomaremos á man dereita para descender uns poucos metros atopando de novo a ponte de madeira e o lavadoiro.