Xoves, Outubro 10

Cabanas formará mulleres en competencias dixitais

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A área de igualdade do Concello de Cabanas súmase ao proxecto “Muller Dixital”, unha iniciativa dirixida a mulleres aberta e de balde que ten como obxectivo mellorar as competencias dixitais das mulleres galegas que se atopan en situación de desemprego, e que lles permitirá aproveitar as posibilidades das tecnoloxías dixitais.

Ofertarase un itinerario formativo deseñado para avanzar desde o nivel básico de competencias dixitais, con posibilidade de continuar nun nivel avanzado, de corenta horas de duración cada un deles, e que se completarán cun módulo transversal sobre igualdade de oportunidades.

“Co obxectivo de que todas as mulleres accedan nas mesmas condicións ás formacións, facilitaráselles ás participantes unha tablet  coa que poderán quedar ao rematar o curso”, indicou a concelleira de igualdade, Paula González.

O luns 14 de novembro, ás 11.30 horas, celebrarase unha sesión informativa no Salón de Plenos da Casa do Concello, na que as mulleres interesadas en participar (que deberán estar en situación de desempregou ou de mellora de emprego) poderán resolver todas as dúbidas e anotarse, polo que desde o Concello indícase que deberán acudir co DNI e a solicitude de demanda ou mellora de emprego.

O programa Muller Dixital está financiado pola Unión Europea no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade.

Share.

Comments are closed.