Ficha técnica
- Traxecto: Circular
- Lonxitude: 21 km
- Tempo estimado: 5 horas.
- Dificultade: media/alta.
- Desnivel: Positivo 474 m
- Elevación máxima: 502 m
Descrición da ruta:
O tratazo deste roteiro que permite visitar tres parroquias de Cabanas (Regoela, Soaserra e Salto) foi proposto polo Club Montaña de Ferrol.
O roteiro combina paisaxe con historia, e no seu percorrido permite achegarse a castros, mámoas, muíños, fontes, pedrafitas e igrexas, así como gozar das vistas que se poden ollar desde diversos puntos do camiño. Ademais, tamén permite achegarse a algúns dos lugares empregados polos fuxidos durante a Guerra Civil e posterior ditadura franquista.
Castro de Pico Castro
É un castro de cumio fortificado, con forma ovalada. O seu tamaño é duns 90 metros no eixo norte – sur e duns 60 metros no eixo este – oeste, con dobres defensas completas duns 5 metros de alto. Desde el tense unha boa vista das rías de Ares, Betanzos, Coruña e Ferrol.
Castro de Piñeiros
É un castro de cumio fortificado, cun recindo oval de 110 x 100 metros. O regueiro de Cerdeiras reforza, de forma natural, as defensas do lado máis occidental. No sector oriental a estrutura defensiva está formada por unha muralla de terra que rodea a totalidade do conxunto.
Mámoa do Alto da Serra
Está formada por dous enterramentos. Un túmulo ten unhas medidas de 20 x 23 metros e dous de altura, o outro ten 13 x 15 metros e 1,6 de altura.
Muíños e fontes
Ao longo do percorrido da ruta o camiño pasa polos muíños de Paz e Regoela e polas fontes e ríos de Regoela e Soaserra.
Pedrafitas: marco do Salto
O marco de Salto é unha pedra de forma redonda que divide tres parroquias (Salto, Laraxe e Irís), e da que se conta que cura «o meigallo». Para que os poderes do marco fagan efecto, teñen que levarse a cabo unha serie de condicións, a saber: ir e volver do marco antes da medianoite, un perocrrido que debe facerse en silencio; ademais, debe levarse un obxecto ou prenda da persoa que quere obter o beneficio do marco. Unha vez chegado ao marco, ten lugar unha serie de accións, consistentes en dar nove voltas dicindo «meigos e meigas, envexosos e envexosas, encantadores e encantadoras, tanto gozades de min como eu gozo desta moeda que eu vou tirar».
Arquitectura relixiosa
Ao longo do percorrido tamén podemos achegarnos a diferentes emprazamentos relixiosos, como a antiga Capela Evanxélica de Soaserra. As orixes do protestantismo en Soaserra coinciden cunha situación de conflito entre tres fregueses, que se negan a pagar a oblata ao párroco.
Ademais, o camiño tamén pasa polas igrexas de Santa Olaia de Soaserra, Santa Cruz do Salto e San Vicente de Regoela.
Fotos: cortesía de David Varela Bouza.