Cabanas inicia os traballos de mantemento do Piñeiral da Madalena

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas anuncia o inicio dos traballos de mantemento do Piñeiral da Madalena, en base ao estudo técnico encargado polo goberno local, e realizado ao longo do 2020 por Arbogal, empresa especialista en arboricultura.

Estes traballos iniciaranse o vindeiro luns, 19 de abril, e está previsto que se prolonguen durante seis semanas, durante as cales se establecerán limitacións parciais de acceso ao Piñeiral, para evitar o paso de persoas polas zonas nas que se estean a realizar podas ou talas en cada momento, comezando pola zona 1.

Resultados do estudo

O estudo encargado polo goberno local de Cabanas, o primeiro deste tipo que se desenvolve na área do Piñeiral, serviu para avaliar de forma minuciosa e rigorosa o estado e risco do Piñeiral da Madalena, analizando tanto o estado de conservación de cada árbore de maneira individual, como as accións que se deben levar a cabo para conservación dun dos espazos máis emblemáticos de Cabanas a curto, medio e longo prazo.

Do total de 1104 exemplares inventariados (cada un coa súa ficha individual), a inmensa maioría correspóndense con Pinus radiata e Pinus Pinaster. O estudo conclúe que urxe a tala de 166 exemplares, polo seu algo grao de perigosidade, mentres que en 74 deles é preciso desenvolver traballos de poda e seguridade. Outros 108 exemplares necesitan unha poda de redución, 725 traballos de saneamento conxunto e outros anclaxes dinámicos para mellorar a súa estabilidade. Tan só 10 árbores gozan de boa saúde e non precisan actuacións a curto e medio prazo.

Arbogal sinala no seu estudo que a maioría dos problemas están derivados do fiado producido ao longo dos anos polo exceso de densidade da plantación, así como polo terreo no que se asentan os piñeiros desde a gran plantación de comezos do século XX, un areal, que non é a base axeitada para que estas árbores poidan arraigar no chan, o que provoca a súa caída cando se producen rachas de vento inusuais.

Outro dos problemas observados pola empresa encargada do estudo é a caída de polas por rotura natural (autopoda), que se ben é un proceso normal nas especies presentes no Piñeiral (Pinus pinaster e Pinus radiata), supón certo perigo en espazos de ocio e lecer.

Actuacións recomendadas no estudo técnico

Ademais dos traballos de tala, poda e saneamento, a empresa recomenda evitar o acceso á zona cando haxa previsión de condicións meteorolóxicas adversas (alertas laranxa ou vermella), algo que xa vén recomendando o goberno local desde hai varios meses.

Así mesmo, o informe técnico suxire facer repoboacións con especies máis axeitadas para terreos areosos, nomeadamente sobreiras, co obxectivo de ir substituíndo paulatinamente os piñeiros perigosos.

Descarga | Bando

Share.

Comments are closed.