O alcalde de Cabanas, Carlos Ladra, analizou coa subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, diversos proxectos medioambientais e de mellora da seguridade viaria no Concello. Mantiveron unha reunión para avaliar as diferentes iniciativas plantexadas e posteriormente se desprazaron ao núcleo urbano e a praia para coñecer de maneira máis concreta algunha desas actuacións.
A mellora da seguridade viaria é unha das principais preocupacións e obxectivos trasladados polo alcalde á Pilar López-Rioboo, tal como evidencia o feito de que o Concello está acometendo de forma directa diversas actuacións neste sentido. Carlos Ladra resaltou que a importante intensidade do tráfico na N-561 require un proceso de humanización da estrada que debe levar aparelladas medidas de mellora da seguridade viaria en zonas como O Areal e Laraxe.
Para iso considera fundamental a colaboración do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través da Demarcación de Estradas en Galicia, coma titular da vía circulatoria. Así llo expuxo á subdelegada do Goberno, que se comprometeu a trasladar esta demanda aos responsables deste organismo.
Tamén recorreron a praia e a súa contorna para analizar posibles actuacións que redunden na mellora medioambiental da zona e na propia accesibilidade ao arenal. O alcalde informou que precisamente nesa contorna está previsto tamén que se acometan importantes obras de mantemento no piñeiral da Madalena como de saneamento.
A visita da subdelegada do Goberno ao Concello de Cabanas e a reunión mantida co alcalde terá continuidade con reunións de ambos cos responsables da Demarcación de Estradas en Galicia e da Demarcación de Costas en Galicia para desta maneira tratar de avanzar no desenvolvemento dos proxectos promovidos polo Concello.