Unha representación do Grupo de Representantes da Infancia e Adolescencia de Cabanas, formada por Pablo Barcia (11 anos ) e Adrián López (18 anos), participou onte no encontro dos Consellos de Participación de Galicia co Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito.
Os principais obxectivos desta xuntanza foron os de dar a coñecer o traballo que están a realizar os consellos locais de participación infantil e adolescente en cadanseus concellos, ademais de expoñer ante a Administración autonómica os temas prioritarios desde o punto de vista da infancia e mocidade.
Nas súas intervencións, os representantes de Cabanas comentaron que malia as dificultades para reunirse de maneira presencial polas restricións da COVID-19, seguíronse realizando xuntanzas telemáticas, do propio grupo e do grupo coas concelleiras e concelleiros da corporación. Adrián comentou que malia a situación “puidéronse levar adiante propostas do grupo como o obradoiro de drons”, mentres que Pablo destacou que “lle gustaba ver como se levaban á práctica e tiñan en conta as súa ideas e opinións, tan válidas coma as da xente adulta”.
Desde UNICEF puxeron en valor as propostas que se levaron a cabo nas cidades Amigas da Infancia como Cabanas en todos os ámbitos, poñendo como exemplo a estratexia Cabanas Sostíbel en materia medioambiental, co reparto de bolsas malla reutilizábeis para a sensibilización da poboación sobre a redución do plástico, entre outras iniciativas.
Ademais dos representantes da infancia e adolescencia de Cabanas, participaron no encontro mozas e mozos dos consellos de participación dos concellos de Teo, Moeche, Redondela, Tomiño, O Porriño, Moaña e Castrelo de Miño.