Primeira edición do festival dog friendly Xiracán en Cabanas

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas é dos poucos concellos que conta cunha praia canina, un espazo que desde a súa apertura tense convertido nun referente para os animais e os seus donos, non só da comarca, senón tamén doutras partes do país e de parte do Estado. Boa proba disto é que resulta habitual atoparse con persoas chegadas desde diferentes lugares que acoden a Cabanas atraídas por ter este espazo habilitado para cans.

Isto fai que resulte fundamental realizar un traballo de concienciación, tanto das nenas e nenos como das súas nais e pais, na necesidade dunha tenza responsábel, así como tamén nos traballos de coidado, para aumentar a consciencia de que un can é un ser vivo que sinte e precisa de coidados específicos para un correcto desenvolvemento.

O Festival Dog Friendly Xiracán, que terá lugar os próximos días 28 e 29 de agosto na Madalena de Cabanas, establécese cun dobre obxectivo: dunha banda, pretende converter ao Concello de Cabanas nun referente como “concello amigo dos cans”, como continuidade á posta en marcha da praia canina, e por outro lado, trátase dun festival familiar, de concienciación dos valores de respecto aos animais e ao medio ambiente, e particularmente do “peludos”. Ademais, o festival ten un compoñente solidario, coa recadación de fondos e alimentos para as protectoras e refuxios de cans e gatos da zona.

Programa de actividades

O programa do Festival Xiracán inclúe conferencias, obradoiros, unha andaina, mercado solidario e apresenza dunha foodtruck.

Entre as 12 e as 20 horas do sábado celebraranse diversas charlas, exhibicións, desfiles e un concerto, mentres que o domingo farase un roteiro ás 12 horas desde a praia da Madalena até a de Almieiras (e volta), que precisa inscrición previa no recinto de actividades ao longo de todo o sábado.

Ademais, o sábado 28, entre as 12 e as 14 horas, e entre as 18 e as 20 horas, celebraranse os obradoiros infantís de confección de chapas, colares e xoguetes para os cans, así como xogos tradicionais cos animais.

Haberá tamén un mercado solidario para a venda de artigos novos e de segunda man, así como recollida de alimentos para cans e gatos, que funcionará o sábado de 12 a 20 horas e o domingo de 12 a 16 horas. Por último , o merendeiro e foodtruck a cargo de Misco-Midas funcionará o sábado e domingo entre as 12 e as 21 horas.

 

 

Share.

Comments are closed.