O Concello de Cabanas presenta alegacións ao Parque Eólico Caaveiro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas presentou hoxe a súa batería de alegacións ao proxecto do Parque Eólico Caaveiro, promovido por ENEL – Endesa, e que contempla a instalación de 14 xeradores cunha potencia de 78 MW, repartidos entre os concellos de Cabanas, Fene, Neda e San Sadurniño, ademais da extensión de liñas de evacuación pola Capela e As Pontes. Tres dos muíños estarían situados no termo municipal de Cabanas.

O goberno de Cabanas avaliou nas súas alegacións as repercusións negativas que tería a implantación deste parque eólico sobre o patrimonio histórico, natural e paisaxístico, e denuncia que o proxecto “anula os esforzos e as políticas públicas levadas a cabo polo Concello co obxectivo de fomentar a actividade turística nestas áreas, como factor de desenvolvemento e promoción económica no medio rural”. Citan desde o concello o traballo no proxecto do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) das Fragas do Eume, en colaboración co resto de concellos da comarca do Eume e co apoio da Deputación da Coruña, ou o plan para documentar, trazar e sinalizar un novo roteiro na parroquia de Regoela, dúas actuacións que se verían gravemente afectadas se o proxecto do parque eólico vai adiante.

“A pretensión de implantar indiscriminadamente sobre todo o territorio de novos parques eólicos como o de Caaveiro e as súas liñas de evacuación, suporía unha transformación brutal da paisaxe existente coa conseguinte perda dos seus valores tradicionais e orixinarios, os cales foron supostamente obxecto de ordenación e protección”, indican desde o goberno local de Cabanas. “Tanto o proxecto do Parque Eólico Caaveiro, como a súa tramitación ambiental son absolutamente improcedentes por non estar prevista a actuación dentro do planeamento sectorial eólico de Galiza, ademais de incumprir con diversa lexislación, tal e como se estima no informe dos servizos técnicos municipais”, conclúen.

O goberno local comprométese a seguir informando sobre os avances neste proxecto e outros similares que puideran aparecer froito do “boom eólico” que se está a vivir nos últimos meses no noso país, e reafirma o seu compromiso na defensa dos intereses veciñais, poñendo a disposición da poboación os recursos necesarios para a súa defensa fronte á implantación de parques eólicos abusivos ou prexudiciais para a veciñanza e o conxunto do concello.

Descarga | Alegacións

Share.

Comments are closed.