Cabanas remata o verán batendo récords de visitantes

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A área de turismo do Concello de Cabanas vén de facer balance dos datos de visitantes, toda vez que se veñen de cumprir tres meses desde a apertura do servizo de atención ao público, o pasado 20 de xuño.

Logo dos tres meses de verán, un total de 4408 persoas achegáronse até a Oficina de Información e Turismo, situada no Parque do Areal, para obter información para a súa visita ao concello e á comarca. As cifras superan os datos do ano 2020, marcado pola COVID, con 3774 usuarias do servizo, mais tamén dos anos anteriores ao estalido da pandemia, xa que o 2019 pechouse con 4007 persoas usuarias nese mesmo período.

“Desde o concello estase a levar a cabo unha importante labor de promoción turística, a través de feiras e reunións con profesionais do sector”, sinalou o tenente alcalde e responsábel da área de turismo, Iago Varela. “Resulta necesario planificar o destino e adaptarse ás novas demandas e tendencias dos viaxeiros, con proxectos sostíbeis que permitan diversificar a oferta e xestionar os fluxos turísticos ao longo do ano”, concluíu.

As visitas en datos

Un 88% das visitas á OIT de Cabanas foron de españois, e un 12% de visitantes internacionais. Entre o público estatal, destacan – por esta orde – as procedencias de Madrid, Andalucía, Galiza, Comunidade Valenciana, Catalunya e Castela e León, mentres que as visitantes estranxeiras procederon maioritariamente de países da UE (Portugal, Italia, Alemaña, Francia e Reino Unido). Do resto de continentes contabilizáronse 95 visitas, 29 delas desde os Estados Unidos e o resto de Arxentina, Colombia, Venezuela, China e Corea

Os medios de transporte máis empregados son o vehículo particular, as autocaravanas e furgonetas camperizadas (que continúan a tendencia á alza iniciada no 2019) e, en menor medida, o autobús, xa sexa a través de viaxes organizadas ou empregadas polas usuarias que chegan en avión e non dispoñen de vehículo propio.

Os hoteis (35%), hostais (15,6%) e albergues (24,2%) son as opcións preferidas para aloxarse polas persoas que visitan Cabanas; o resto opta por segunda vivenda, alugueiros vacacionais ou autocaravanas. En canto ao tempo de estancia, o tempo medio sitúase entre os 7 e os 15 días, aínda que as usuarias de segundas residencias e autocaravanas adoitan pernoctar máis de 10 días.

Os motivos de consulta son variados, destacando o interese por que facer en Cabanas e contorna, opcións de aloxamento, comida rutas en coche ou a pé, as Fragas do Eume ou como planificar o Camiño Inglés. Moitas usuarias da contorna achegáronse para informarse sobre as posibilidades de lecer no territorio, o que constata un maior interese polo coñecemento profundo da comarca.

Share.

Comments are closed.