Sábado, Outubro 23

Cabanas anuncia a programación do ciclo “Sábados Teatrais” que se celebrará ao longo do mes de outubro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A área de cultura do Concello de Cabanas vén de anunciar a programación do ciclo de teatro “Sábados teatrais”, que se levará a cabo ao longo do mes de outubro. Serán un total de catro obras, tres delas de teatro afeccionado e unha de carácter profesional para pechar a programación.

O sábado 2 de outubro terá lugar a representación da obra “Socorro”, do Grupo de Teatro A Pombiña (SCyR A Pombiña), unha comedia que transcorre nun pequeno hostal de Madrid durante o confinamento que España padeceu pola COVID19. Unha semana despois, o 9 de outubro, o Grupo de Teatro “Donas de Amistad” representará “Don Pero El Emparedado”, unha historia de traicións e complots no Reino da Urraca. A programación teatral continuará o sábado 16 de outubro coa obra “Amén”, de Teruca Bouza (Sociedad Amigos del Paisaje Gallego), un espectáculo de monólogos en comedia onde os protagonistas comparten cousas en común: todos están tolos e todos buscan o amor dunha ou doutra forma.

Pechando o mes teatral, o 30 de outubro a compañía Os Náufragos Teatro presentará a súa obra “Castrapo”, unha comedia que conta a historia de Daniel, un escritor galego emigrado a Madrid que volve á Coruña tras a morte do seu pai, nunha viaxe en tren na que se fala do que fomos e sa xa non somos.

Todas as actuacións terán lugar no Salón de Plenos do Concello de Cabanas ás 19h, con aforo limitado e inscrición por rigoroso orde de inscrición no correo cultura@cabanas.gal, onde se debe indicar o nome e apelidos, número de teléfono e localidade procedencia. De quedar prazas libres, permitirase o acceso libre até completar o aforo.

A concelleira de cultura, Diana Rodríguez, amosou a súa satisfacción por “poder recuperar os Sábados Teatrais, unha cita que sempre tivo moi boa acollida en Cabanas”, logo de que no 2020 tivera que ser suspendido o ciclo por mor da pandemia da COVID19.

Esta programación inclúese no Programa Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña.

Share.

Comments are closed.