Sábado, Outubro 23

Espectáculo de monicreques este sábado en Cabanas con “Fíos máxicos”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da área de cultura, informa da representación do espectáculo de monicreques de fío “Fíos máxicos”, da compañía Rui Sousa Marionetas de Portugal, que terá lugar o próximo sábado 25 de setembro ás 12.30 h no Salón de Plenos.

As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente enviando un correo electrónico a cultura@cabanas.gal, no que deberán indicar os nomes completos das persoas participantes, así como tamén un teléfono de contacto e a localidade de procedencia. O prazo para anotarse rematará o venres 24 ás 14h, aínda que de quedar prazas libres permitirase o acceso libre ás localidades que non fosen reservadas até completar o aforo.

A actuación forma parte do Festival de Entes Animados, que se celebrará entre o venres 24 e o domingo 26 de setembro, ademais de en Cabanas, nos concellos de Ares, Fene, Ferrol, Mugardos, Neda e Sada, con funcións que en todos os casos precisan de reserva previa. En total serán 15 sesións a cargo de 5 compañías, que presentarán 7 espectáculos e por primeira vez ofrecerá un obradoiro infantil de construción de monicreques.

A concelleira de cultura, Diana Rodríguez, participou na presentación do Festival, que tivo lugar no día de onte na Casa das Palmeiras de Neda, onde destacou a incorporación de Cabanas a este festival “que nos últimos anos tense convertido nun referente na nosa comarca”, e que este ano se incorpora ademais á Rede de Festivais Internacionais de Títeres o Obxectos de Outono, a máis importante a nivel mundial.

O programa

O programa deste ciclo arrancará este venres ás 18.30h en Ares, onde a compañía Thomas Herfort Marionetas, de Alemaña, representará “Kabaré Pùpala”, no centro cultural Outeiro; en Sada ás 19.00h, La Carretera Teatro de Valencia trae o seu espectáculo “Fabularia: o galo kikirigalo” na praza Irmáns Suárez Picallo; en Fene ás 20:00 h no local social de Limodre coa función “Fios Máxicos” a cargo da compañía lusa Rui Sousa Marionetas, e Ferrol que ás 22:30 h acollerá na Sala La Room “Night Show Berlín” de Thomas Herfort Marionetas.

Ao día seguinte, o sábado 25, os espectáculos iniciaranse de mañá ás 12:30 h coa función “Fios Máxicos” de Rui Sousa no salón de plenos de Cabanas e no café Sevilla de Ferrol, a partir das 13:00 h, coa obra “Juanito e María” de Flash Teatro. Xa pola tarde, ás 18:30 h, o Centro Cívico de Canido e a Casa da Cultura de Neda acollerán as obras “Kabaré Pùpala” e “A Ratita Presumida” de Búho Teatro, respectivamente. E pechando, ás 19:00 h, o Casino Mugardés será sede da compañíia La Carretera Teatro e a obra “Fabularia”. A xornada completarase cun obradoiro de construción de monicreques a cargo de Thomas Herfort Marionetas, dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos (ou menores acompañados de nais/pais ou titores legais) e que terá lugar no centro cívico de Canido ás 16:30, con prazas limitadas.

Na xornada do domingo, continuarán os espectáculos ás 12:30 h na Casa da Cultura de Neda con “Kabaré Pùpala”. Ás 13:00 h a compañía Flash Teatro representará “Juanito e María” no local da SCRD Agarimo. Ás 13:30 h, o café Sevilla ofrecerá a obra “Fios Máxicos”. E xa pola tarde, ás 18:30 h, a Alianza Aresana e o Centro Cívico de Canido acollerán, respectivamente, as funcións “A Ratita Presumida” e “Fios Máxicos”. Pechará o cartel Thomas Herfort no Casino Mugardés, ás 19 h, con “Kabaré Pùpala”.

A entrada, en todos os casos, será con reserva previa nos respectivos concellos e entidades, que irán informando dos prazos e prazas.

Share.

Comments are closed.