Cabanas exixe á Xunta solucións á problemática do transporte por estrada

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello e Cabanas trasladou o pasado 3 de xaneiro as súas alegacións ás propostas de novos horarios do transporte de pasaxeiras por estrada, que a Xunta de Galiza e a compañía adxudicataria puxeron en marcha de maneira unilateral o pasado luns, 10 de xaneiro, e sen atender as demandas dos concellos.

A nova proposta supón unha redución moi substancial nos servizos que atravesan o termo municipal de Cabanas, especialmente nos que pasan por Laraxe que nos días laborábeis pasan de 6 a 2 en sentido Ferrol – Coruña, e de 6 a 1 en sentido Coruña – Ferrol. Ademais, os novos horarios (6.29 e 22.19h en sentido Ferrol – Coruña e 7.08h en sentido Coruña Ferrol) non resultan funcionais para as usuarias maioritarias deste servizo, xa que impiden usalo para desprazamentos de ida e volta no día.

No documento trasladado á Dirección Xeral de Mobilidade, o goberno de Cabanas, a través das áreas de mobilidade e de transporte, pon en coñecemento da Xunta a redución drástica do servizo e demanda os cambios necesarios para dotar á parroquia de Laraxe de liñas en horarios que permitan ás usuarias desprazarse para realizar as súas compras ou xestións.

O goberno municipal tamén se reuniu coa empresa adxudicataria o mércores 5 de xaneiro, unha xuntanza na que trasladaron aos seus responsábeis as mesmas demandas remitidas á Xunta.

“Os últimos cambios veñen a reverter as alegacións que o Concello de Cabanas presentou antes da concesión, precisamente para que houbese máis servizos por Laraxe, e que a Xunta aceptou no seu momento”, lembran desde o goberno local. “Resulta paradóxico que sexa a mesma Xunta a que agora faga os cambios de forma unilateral sen tan sequera informar aos concellos nin escoitar as necesidades reais dos lugares que atravesa  a liña”, concluíu.

Foto: Cope

Share.

Comments are closed.