Xoves, Outubro 10

Cabanas celebra as Letras Galegas con actividades ao longo de todo o mes

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas vén de anunciar a programación arredor da celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea á poeta, escritora e tradutora Xela Arias.

Ademais do II Certame de Poesía Concello de Cabanas, cuxo prazo de presentación de obras a concurso estará aberto até o próximo 10 de maio (información e bases nesta ligazón), o Concello organizou toda unha serie de actividades ao longo de todo o mes de maio, que inclúen teatro, a proxección dun documental e un contacontos.

A primeira destas citas será o vindeiro 11 de maio, coa representación da obra “As pitas baixo a choiva” de Teatro Gazafelhos no CEIP Eladia Mariño, co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Posteriormente, o propio 17 de maio á mañá serán anunciadas as obras gañadoras do II Certame de Poesía, e pola tarde, ás 19 h, proxectarase o documental “A poeta analfabeta”, dirixida por Sonia Méndez e producida por Cósmica Producións.

O 22 de maio ás 19h terá lugar o acto de entrega de premios ás obras gañadoras do II Certame de Poesía, e por último, o 29 de maio ás 12h, haberá unha sesión de contacontos ilustrado do Colectivo Polo Correo do Vento, baixo o título “Xela Arias. Liberdade, solidariedade e amor pola lingua”.

As concelleiras de normalización lingüística, Paula González, e cultura, Diana Rodríguez, coincidiron na necesidade de organizar un “maio das Letras” para reivindicar o auxe da lingua e tamén a necesidade de potenciar a “cultura segura”, a través de actividades destinadas a públicos diversos.

As persoas interesadas en acudir á proxección de “A poeta analfabeta” e á sesión de contacontos deberán reservar praza chamando ao 981 495 959 (ext 6) ou en normalizacion@cabanas.gal.

Share.

Comments are closed.