O Concello de Cabanas, a través da área de normalización lingüística, vén de poñer en marcha o II Certame de Poesía Concello de Cabanas, dentro da programación do Día das Letras Galegas, que este ano homenaxe á poeta Xela Arias.
O certame ten como obxectivo fomentar o uso e prestixio da lingua galega – en calquera das súas normativas – a través da expresión artística e a creatividade, e está dirixido a persoas de todas as idades, establecéndose dúas categorías: infantil / xuvenil, até os 17 anos; e adulta, de 18 en diante.
As persoas interesadas en participar teñen de prazo até o día 10 de maio para presentar as súas obras, que deberán ser textos inéditos e integramente en lingua galega, a través do correo electrónico normalizacion@cabanas.gal de acordo coas bases dispoñíbeis ao final deste artigo Será o propio día 17 de maio cando o xurado dea a coñecer as obras gañadoras.
A concelleira de normalización lingüística, Paula González, animou a participar nun certame no que “haberá premios para as persoas gañadoras de cada categoría, e un detalle para todas as participantes”, e lembrou o éxito da edición do ano pasado, cuxas obras gañadoras foron editadas nunha publicación.
Descarga | Bases II Certame de Poesía | Ficha de inscrición (odt) | Ficha de inscrición (docx)