A comarca do Eume presenta a súa candidatura aos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Representantes dos concellos de Cabanas, As Pontes, A Capela, Pontedeume e Monfero mantiveron na mañá de onte unha xuntanza co vicepresidente e responsábel da área de turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, para presentar e avaliar os principais eixes do proxecto que se presentará á convocatoria de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino. Na xuntanza participaron concelleiras e concelleiros, así como persoal técnico e representantes do sector privado e do tecido asociativo dos concellos participantes.

Logo desta xuntanza, a Deputación súmase á presentación do proxecto á convocatoria extraordinaria de Plans de Sustentabilidade que convoca o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e que se financiará con fondos de recuperación europeos, os chamados fondos Next Generation.

Xosé Regueira explicou que o proxecto técnico inclúe tanto o ámbito do parque natural Fragas do Eume como outros recursos de carácter natural e patrimonial da comarca e cualificouno como “un proxecto ben estudado e xa totalmente deseñado para implantar no territorio”, ao tempo que asegurou que “estamos en disposición de acompañalo nunha candidatura potente”. A avaliación do investimento total no territorio en todas as accións previstas nos catro eixes que inclúe a memoria técnica sitúase en torno a 3.900.000 euros.

Neste sentido, o vicepresidente tamén afirmou tras a xuntanza que a comarca do Eume “ten un potencial turístico enorme pero está nun proceso de desindustrialización complexo e, polo tanto, necesita tamén novos alicientes económicos para seguir xerando dinámicas positivas para a economía”.

Os catro eixes que se inclúen na memoria técnica recollen intervencións concretas enfocadas a aumentar a competitividade turística do territorio; incorporar a sustentabilidade e a dixitalización ao proxecto turístico e económico que se quere implantar; diversificar a oferta no ámbito turístico así como no ámbito cultural e no das novas tecnoloxías; e garantir que o capital natural do sistema turístico vai tender á perennidade, é dicir, que non se vai distorsionar a sustentabilidade dunha contorna tan sensible como é a propia Fraga nin os usos de carácter natural que deber este ecosistema.

Share.

Comments are closed.