Os alcaldes de Cabanas, Pontedeume e Monfero exixen “melloras inmediatas na atención primaria” nunha carta remitida ao Conselleiro de Sanidade

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Os alcaldes dos concellos de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro; Cabanas, Carlos Ladra Brage, e Monfero, Andrés Feal Varela, mantiveron este luns, día 18 de outubro, unha reunión no Concello de Pontedeume para falar da preocupante situación da atención primaria.

Nos tres concellos recolleron nos últimos meses numerosas demandas e reivindicacións dos seus veciños e veciñas en relación á situación nos centros de saúde e PAC.

“Nos últimos anos e agora coa escusa da COVID a asistencia sanitaria está moi deteriorada e non se pode permitir, sendo este un servizo básico para a veciñanza”, palabras do Alcalde Carlos Ladra.

En aras de garantir unha asistencia sanitaria estable e dotada dos recursos humanos e materiais precisos, desde os concellos de Pontedeume, Cabanas e Monfero enviáronlle un escrito ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, coas principais demandas e peticións.
A nivel xeral, os alcaldes solicitan “retomar a atención presencial nos centros de saúde de Pontedeume, Cabanas e Monfero, limitando as consultas telefónicas aos trámites para as que foron creadas”.

En Cabanas, solicítase “renovar as instalacións, anticuadas e sen as consultas suficientes para poder atender á poboación” e garantir médicos con praza fixa no centro de saúde para mellorar a asistencia”. Cabanas comparte os problemas con pediatría de Pontedeume, xa que ambos concellos comparten o servizo.

En Pontedeume, demándase á Xunta “cubrir de forma definitiva e estable a praza de pediatría de tarde no PAC, evitando os constantes cambios e ausencias na cobertura desta praza que se veñen sucedendo dende hai anos, coas conseguintes molestias para pais, nais e menores”.

A segunda petición é “cubrir de inmediato a baixa do médico de tarde, que se prolonga xa desde hai moito tempo”.

En Monfero, pídese “repoñer a praza dun dos médicos no menor tempo posible e de xeito estable, vacante tras unha xubilación. O concello conta cunha soa médica de xeito estable e a outra praza cúbrese de forma provisional dous ou tres días á semana”.

“Desde Cabanas queremos agradecer o inmenso esforzo persoal que esta a realizar todo o sector sanitario, a pesares do deterioro da asistencia asistencial, polo que demandamos urxentemente unha maior máis medios humanos e materiais nos nosos centros de saúde”, engade Carlos Ladra.

Descarga |Carta enviada ao Conselleiro

Share.

Comments are closed.