Máis de 900 incidencias solucionadas a través do servizo Liña Verde

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A veciñanza de Cabanas amosou unha moi boa acollida da aplicación de xestión de incidencias implantada polo Concello de Cabanas, e boa mostra dilo é o uso continuo que fan do servizo “Liña Verde”, a través do cal lévanse solucionado máis de 900 incidencias.

As incidencias máis habituais recibidas a través desta plataforma, implantada a finais de decembro de 2019, son as relacionadas co alumeado público (42%), beiarrúas (14%), lixos (7%), mobiliario urbano (5%) ou rede de saneamento (3%). O 83% destas incidencias xa foron solucionadas, e a meirande parte das que restan requiren actuacións máis complexas, en moitos casos dependentes de financiamento externo.

Para poder usar este servizo a través do teléfono móbil é preciso proceder á descarga da aplicación “Línea Verde” desde a Play Store (dispositivos Android) ou App Store (modelos de Apple), e unha vez instalada seleccionar o concello “Cabanas”. A partir dese momento xa se pode proceder a notificar unha nova incidencia premendo no botón “Nova incidencia”, e seleccionando a tipoloxía entre as dispoñíbeis. Tamén é posíbel notificar incidencias desde a web lineaverdecabanas.gal, sen necesidade de instalar aplicacións, ou a través do teléfono do Concello, 981 495 959, en horario de mañá, ou no 902 193 768, en horario extendido até as 17 horas.

Desde o goberno municipal amosáronse “moi satisfeitas cos resultados obtidos até o de agora”, ao tempo que agradecen “a participación da veciñanza, implicándose na mellora do día a día do noso concello”.

Share.

Comments are closed.