Sábado, Agosto 20

Cabanas abre as portas do Centro de Interpretación do Medio Mariño

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas inaugurou onte á tarde o Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas, un espazo impulsado pola área de medio ambiente do Concello de Cabanas que nace coa vocación de situarse como un referente no norte galego no coñecemento e divulgación de contidos ligados ao mar e a cultura mariñeira.

O acto estivo presidido polo alcalde e o tenente alcalde de Cabanas, Carlos Ladra e Iago Varela, e contou coa participación do presidente do GALP Golfo Ártabro Norte, José Manuel Fernández, a Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o Vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira. Ademais, acudiron ao acto a Delegada Territorial da Xunta de Galiza en Ferrol, Martina Aneiros, representantes de diferentes entidades e asociacións veciñais de Cabanas, da Confraría de Pontedeume, ADEGA, Hábitat, a Sociedade Galega de Historia Natural, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, ou o Clúster de Turismo de Galicia, ademais da veciñanza de Cabanas.

Despois das intervencións, as persoas asistentes percorreron a exposición no interior do CIMM, formada por seis paneis que exploran conservación e transformación da paisaxe litoral de Cabanas, a importancia do marisqueo e a posta en valor da “aperta máxica” que forman o río Eume e o mar ao carón do Centro de Interpretación, e unha pequena mostra de ferramentas empregadas para o marisqueo.

Ademais, levouse a cabo un pequeno showcooking a cargo do cociñeiro Antonio Díaz, quen deleitou ás asistentes con tres creacións elaboradas con produtos km. 0: unha empanada de mexillón con alga Wakame, ameixas da Confraría de Pontedeume con cítricos e sardiña afumada de pesca de baixura sobre focaccia con fariña do país do Muíño de Batán, en Cabanas.

O tenente alcalde e responsábel da área de medio ambiente, Iago Varela, amosou a súa ledicia por poñer en marcha “un proxecto froito de moitos meses de traballo, construído desde os seus cimentos man a man coas xentes do mar, coa veciñanza e coas achegas de moitas entidades de diversa índole”.

“O CIMM é un lugar que serve para dicirnos de onde vimos, descubrir o entorno que nos arrodea, e poder compartir saberes” indicou Varela durante a presentación, e trasladou que nel “a veciñanza e as persoas visitantes poderán descubrir máis da nosa riqueza natural, paisaxística e cultural, estudando aspectos que van da etnografía á gastronomía, ou das prácticas pesqueiras aos contos e lendas, pero sempre coa mirada posta a esa relación entre as persoas e o mar”.

“O CIMM converterase nun espazo vivo que servirá para poñer en valor un territorio e uns valores naturais acordes cos plans de sustentabilidade turística en destino do Eume”, trasladou Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, quen tamén indicou a importancia do recurso para “contribuír a dotar a Cabanas dunha oferta turística de calidade para crear emprego e riqueza entre a poboación local”.

Fin de semana de portas abertas

Para dar a coñecer o seu potencial, o CIMM de Cabanas inicia a súa andaina cunha fin de semana de portas abertas, na que as primeiras visitantes poderán participar activamente das diferentes actividades.

Para o sábado programouse unha experiencia interpretativa completa, para a cal se empregará un robot submarino que estará retransmitindo imaxes en directo dos fondos do litoral cabanés ao Centro de Interpretación, onde se fará a interpretación por parte de persoal especialista. Tamén se fará uso da tecnoloxía de realidade virtual para somerxerse – mediante uns lentes VR – nos fondos mariños, e posteriormente unha visita en barco para coñecer o esteiro do Eume e o banco marisqueiro.

O domingo, a actividade do CIMM continúa cunha andaina interpretativa que sairá ás 10 da mañá. Cun percorrido de 7,5 quilómetros e dificultade baixa, o roteiro permitirá descubrir os valores mariñeiros de Cabanas, afondando no coñecemento da fauna e a importancia das mareas para a vida no litoral.

Sobre o CIMM e o proxecto Cabanas Mar 

O Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas (CIMM) é un proxecto impulsado pola área de medio ambiente do Concello de Cabanas. Nace como un espazo de encontro para a cidadanía e visitantes arredor da cultura mariñeira e a riqueza natural e paisaxística do territorio relacionada co medio mariño estudando aspectos como a natureza, a historia, a etnografía, a gastronomía, a cultura, as tradicións, os oficios, as prácticas pesqueiras, a propia trazabilidade dos produtos do mar, as conservas, as lendas e contos, os sinais marítimos ou a actividade cultural, entre outros.

Vencellado ao CIMM, o proxecto Cabanas Mar resalta aspectos como a sostibilidade, o respecto e coidado do medio e a importancia dos oficios do mar, e nel participaron diversas persoas que dan identidade ao mar, como o persoal da Confraría de Pescadores de Pontedeume e varias mariscadoras de Cabanas.

Apoio e financiamento

Tanto o proxecto do CIMM, como o de Cabanas Mar, contan co apoio do Fondo Europeo e Marítimo da Pesca, a través do GALP Golfo Ártabro Norte. En concreto, o proxeto de montaxe e posta en marcha do Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas conta cunha axuda de 84.337,00 €, e o de Cabanas Mar de 72.908,55 €.

A Deputación da Coruña contribúe con 10.000 € para a axuda á contratación de persoal técnico para a atención do espazo museístico

Share.

Comments are closed.