Aberto o prazo para solicitar permiso para as luminarias de San Xoán

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas ten aberto o prazo para solicitar o permiso para a realización de luminarias na Praia da Madalena durante a noite do 23 de xuño, coincidindo coa conmemoración de San Xoán, unha celebración que non se puido realizar no 2020 e 2021 por mor da situación derivada da COVID-19.

En total, o Concello de Cabanas autorizará 72 luminarias na Praia da Madalena (67 para o público xeral e 5 para os locais de hostalería), único areal do concello no que estarán permitidas, e resulta necesario solicitar permiso cubrindo a correspondente instancia, que deberá ser entregada no rexistro municipal (presencial ou telematicamente) antes do 20 de xuño ou até acadar o número máximo de luminarias permitidas. A asignación destas luminarias será por orde de rexistro.

Na instancia de solicitude deberase indicar dúas persoas responsábeis de cada luminaria, que terán un tamaño máximo e 2 metros de diámetro e 3 de alto. Ademais, establécese que as luminarias non se poderán acender antes das 20 horas, e deberán apagarse ás 02.00h da madrugada. A partir das 05.00 horas, a praia debe quedar libre para que inicien os traballos de limpeza.

O Concello de Cabanas contará cun dispositivo de seguridade especial formado pola Policía Local e Protección Civil durante a tarde e noite de San Xoán, e tamén habilitará un servizo especial de limpeza na mañá do 24 de xuño para recuperar o seu uso polo público xeral.

Descarga | Instancia

Share.

Comments are closed.