O Concello de Cabanas vén de anunciar a apertura do prazo de solicitude para participar na Feira de Santa Marta, que contará con dous espazos diferenciados, un destinado a artesanía e alimentación, e outro como feira extraordinaria para o resto de produtos.
As persoas interesadas en participar cos seus postos teñen de prazo até o 23 de xullo, xoves, para presentar as solicitudes por rexistro, mediante o formulario que poden atopar na páxina web cabanas.gal.
De acordo co establecido no Regulamento de Venda Ambulante e Feiras, xunto coa solicitude, as persoas participantes deberán presentar xunto coa solicitude, o DNI da persoa que cubre a solicitude, o xustificante bancario de pago (9 € polos tres días), fotografía do posto e acreditación de estar ao día no pagamento do IAE e cotas das seguridade social. Ademais, na zona destinada a artesanía e alimentación non poderán participar vendedores de produtos de vestido e complemento que non produzan eles mesmos.
Os mercados rexeranse polos seguintes horarios: de 08:00 a 11:00 h para instalación; de 11:00 a 21:00 horas para funcionamento e de 20:00 a 21.30 horas para recollida, e non se permitirá en ningún caso a invasión da beirarrúa por vehículos nin o cravo de piquetas no chan.
O Concello organizará os postos de xeito que respecten os accesos ao Piñeiral e outros elementos de mobiliario urbano, e cun distanciamento suficiente de acordo coas medidas sanitarias pola COVID-19. Ademais, incorpórase a obrigatoriedade do uso de máscaras e a dotación de xel hidroalcohólico para clientes.