A Oficina de Información Turística (OIT) de Cabanas vén de elaborar o seu informe de actividade durante o mes de xullo, que abrangue todo o mes desde a súa apertura ao público, o día 8. Nese tempo atendéronse un total de 435 persoas.
Nunha tempada turística marcada pola situación epidemiolóxica da COVID-19 destacan, por riba das persoas que peregrinan a Compostela, as persoas que visitan a zona de Cabanas e o Eume, xa que preto da metade correspóndese con ese perfil.
A xente que percorre o Camiño Inglés supón o 33 % das visitantes da Oficina, posicionándose por riba de excursionistas, o 14 %, e locais, que cun 4 % tamén se interesan por coñecer máis a fondo o propio concello ou informarse das actividades que nel se levan a cabo.
En canto ás procedencias, sobresaen as persoas que proveñen de outros territorios do estado, co 65 % das visitas, seguidas das que veñen desde outros concellos de Galiza (un 30 %) e un 5 % de persoas estranxeiras. Esta última cifra contrasta co 35 % de visitantes estranxeiros rexistrados no mesmo período do ano pasado.
A meirande parte das visitantes elixen establecementos hostaleiros para aloxarse, mesmo aquelas persoas que están a facer o Camiño de Santiago, que escollen esta opción fronte a alternativa dos albergues.
As Fragas do Eume continúan a ser o principal de reclamo da zona, con preguntas sobre os diferentes accesos e roteiros ao Parque Natural. Neste senso, desde Cabanas estase a promocionar o acceso ao Parque desde a parroquia de Santo Estevo de Irís, cun percorrido que permite achegar ás visitantes até o Mosteiro de Caaveiro a través do Camiño dos Encomendeiros. Tamén destacan as demandas de información sobre os recursos turísticos do xeodestino Ferrolterra – Rías Altas.
No ámbito local, foron moitas as persoas interesadas pola apertura da Praia Canina, un atractivo con numerosos visitantes procedentes de distintos puntos de Galiza que se achegaron a Cabanas para desfrutar dun día de praia coas súas mascotas.
O servizo de atención a visitantes na Oficina de Información Turística funciona os luns, mércores, xoves, venres e domingos de 9 a 15 h, e os sábados de 9 a 16.30h. Os martes, a oficina permanecerá por descanso do persoal.