O Concello de Cabanas presenta alegacións ao PRUX das Fragas do Eume

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas vén de presentar as súas alegacións e suxerencias ao documento de modificación do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais e de aprobación do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) das Fragas do Eume, que se atopa en exposición pública até o próximo 29 de decembro.

Desde o Concello denúnciase a “demora e inacción” que caracterizaron o proceder da Xunta de Galiza na tramitación do necesario instrumento que regula os usos e a xestión deste espazo protexido, que ocupa algo máis do 22% do conxunto do territorio do termo municipal de Cabanas, e solicitan unha exposición pública “adaptada ao perfil das persoas afectadas”, que inclúa a realización de reunións e actos presenciais nos que se poidan resolver dúbidas.

O PRUX das Fragas do Eume sometido a exposición pública propón unha zona de reserva – a de maior protección – do 3,63% do total da extensión do Parque Natural, o que non só supón unha redución do 8% (24,46 hectáreas menos) respecto á normativa actualmente vixente, senón que tamén resulta pouco ambiciosa nun documento que pretende servir para a protección do medio natural.

“Entendemos a redución da superficie de reserva como unha falta grave con ausencia de motivación, e un claro retroceso desde o punto de vista da conservación dun entorno con tan altos valores ambientais”, sinalou o tenente alcalde e responsábel da área de medio ambiente de Cabanas, Iago Varela.

Falta de mecanismos de compensación ás persoas propietarias

Nas súas alegacións, o Concello de Cabanas tamén denuncia a ausencia de mecanismos de compensación para as persoas propietarias afectadas polos cambios nas políticas forestais e as prácticas que se veñen desenvolvendo no interior das Fragas do Eume, e lembran que o Parque está principalmente en mans privadas (o 80% do territorio), onde tamén predomina o minifundismo.

“Os cambios na política forestal no interior do parque conlevan unhas consecuencias económicas que non poden recaer sobre as e os pequenos propietarios”, sinalaron desde o Concello, ao tempo que pediron “que se establezan mecanismos de compensación, incluíndo tanto pagos directos como a financiación e desenvolvemento de iniciativas de custodia do territorio”.

Falta de recursos económicos e de persoal

O proxecto de Decreto conta cun programa económico – financeiro ao que se lle asignan, para os próximos 10 anos, un total de 2.007.000 €, que supoñen uns 200.000 € anuais, cifra semellante á que actualmente está destinada á xestión do Parque. Tampouco considera o proxecto de PRUX das Fragas do Eume un incremento no cadro de persoal

Desde o Concello de Cabanas denúnciase que este orzamento sexa o mesmo que vén aplicándose na actualidade, malia que o PRUX incorpora numerosos obxectivos e directrices orientados á mellora do coñecemento científico do parque, a conservación do patrimonio cultural, a mellora da diversidade, a aposta pola educación ambiental, a substitución das masas de eucalipto, o incremento da vixilancia ambiental… e un longo etcétera, que dificilmente poderá ser levado a cabo sen a correspondente dotación orzamentaria.

“A Xunta propón neste PRUX unha asignación anual por hectárea do Parque Natural das Fragas do Eume de 22,11 €, lonxe dos 254 €/ha que asigna, por exemplo, para o proxecto de PRUX do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán”, indicaron fontes municipais, e instaron a “reconsiderar o incremento do cadro de persoal” para que este poida afrontar con solvencia os novos obxectivos establecidos.

Outras alegacións

O Concello de Cabanas tamén presentou alegacións nas que pide a incorporación ao visor cartográfico das parcelas información sobre a propiedade pública e privada das mesmas, o que permitiría ter unha “perspectiva global do Parque” de cara a poder incentivar medidas de adquisición de terreos por parte das diferentes administracións, así como tamén unha aclaración sobre os usos “non previstos”, co fin de evitar situacións de inseguridade xurídica.

Descarga | Alegacións PRUX Concello de Cabanas

Share.

Comments are closed.