María Rivas reivindica en Cabanas a utilidade social do programa Campus Rural e do Bono Cultural

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, subliñou hoxe en Cabanas o éxito do programa Campus Rural do Goberno, “unha oportunidade que conecta a estudantes das universidades públicas de Galicia coa realidade laboral, social e económica dos pequenos concellos, o que é un encontro entre a mocidade e o territorio”, indicou. María Rivas visitou esta mañá o Concello de Cabanas, unha das entidades participantes da primeira edición do Campus Rural.

Alí mantivo un encontro co alcalde, Carlos Ladra, o tenente alcalde, Iago Varela, as concelleiras Concepción Rodríguez, Paula González, Eva García e Diana Rodríguez, e con Goretti Paz González, estudante do Educación Social da Universidade da Coruña, que está a realizar prácticas formativas a través deste programa nos servizos municipais, onde foi titorizada polos responsables do Concello.

A subdelegada apuntou que este programa facilitou neste verán a máis de 25 mozos e mozas universitarias galegas acceder a prácticas formativas en administracións locais, asociacións e empresas de concellos de menos de 5.000 habitantes e que na provincia da Coruña chegou aos concellos de Aranga, Camariñas, Carnota, Corcubión, Curtis, Fene e Paderne, ademais de Cabanas. “Son prácticas remuneradas de 3 meses de duración coas que todos os implicados gañan”, indicou, e celebrou que a decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica de ampliar os fondos para a edición do vindeiro ano.

Campus Rural, impulsado polo MITECO co apoio do Ministerio de Universidades e a Conferencia de Reitores CRUE, permitiu que máis de 380 estudantes de 37 universidades públicas estean a realizar prácticas durante o verán en municipios de menos de 5.000 habitantes de toda España. O Goberno investiu este ano 1,8 millóns de euros nesta iniciativa.

Bono Cultural

Na súa visita a Cabanas, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, animou tamén aos establecementos culturais da provincia a beneficiarse da inxección económica de 3,74 millóns de euros que suporá na ofrece na provincia o programa Bono Cultural Xoven, co que un total de 9.346 persoas na Coruña teñen dereito a 400 euros para gozar de produtos culturais. “Con este Bono damos un paso máis no compromiso do Gobierno coa mocidade e coas nosas industrias culturais”, asegurou a subdelegada.

Unha das condicións desta iniciativa do Ministerio de Cultura e Deporte é que os cartos deben gastarse en empresas, institucións ou manifestacións culturais que estean adheridas ao programa, polo que “é necesaria a implicación de todo o sector para conseguir que o impacto do Bono na cultura da nosa provincia sexa o maior posible”. Neste sentido, lembrou que poden solicitar a súa adhesión —a través da web bonoculturajoven.gob.es— librerías, teatros, tendas de música, festivais, salas de cinema, museos e outros recintos de carácter cultural. O prazo está aberto ata o día 30 deste mes.

“Cantas máis empresas e entidades se inscriban, máis posibilidades se abren para mocidade”, engadiu María Rivas. En paralelo, lembrou tamén que ata o 15 de outubro está aberto o prazo para que os mozos e mozos poidan solicitar esta axuda de 400 euros. A solicitude pode realizarse tamén a través da web específica do programa mediante certificado dixital ou chave PIN.

Unha vez concedida a axuda, recíbese unha tarxeta prepago virtual para usar a través do móbil, que se pode empregar durante os doce meses seguintes en todas as empresas culturais adheridas ao programa. Esta tarxeta tamén está dispoñible en formato físico para quen así o requira e será Correos a entidade encargada de distribuíla. A subdelegada sinalou que o obxectivo deste Bono Cultural Xoven é “fomentar os hábitos de consumo culturais en todas as súas variantes, xa desde a mocidade, así como apoiar ao sector cultural”. O Bono Cultural está dividido en tres apartados co propósito de fomentar o acceso a diversas expresións culturais.

Cada persoa beneficiaria poderá destinar ata 200 euros a asistir a espectáculos de artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais; un máximo de 100 euros a bens culturais en soporte físico, como libros ou discos; e outros 100 euros ao consumo dixital ou en liña.

Share.

Comments are closed.