Cabanas presenta o proxecto Camiños de Identidade cun roteiro e unha mesa redonda

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O vindeiro sábado 29 de agosto Cabanas presentará o proxecto Camiños de Identidade no concello.

Este proxecto, que comparte con outras catro localidades das diferentes provincias galegas, busca pór en valor a zona rural de Cabanas mediante a creación dun novo produto turístico que busca combinar a riqueza do entorno natural, do patrimonio cultural e da produción artesá en Cabanas.

A xornada iniciarase ás 09.00h coa ruta “As Fragas do Eume, de Soaserra a Caaveiro”, un percorrido novo, creado neste proxecto, que ofrece un novo roteiro para chegar ao Mosteiro de Caaveiro a pé desde a parroquia de Soaserra en Cabanas ao tempo que pon en valor o patrimonio natural e cultural do concello.

Xa pola tarde, ás 17.00h, terá lugar o acto de presentación do produto turístico na Casa do Concello, cunha mesa redonda guiada por Anxos García Fonte, profesora de secundaria e escritora, na que participarán representantes da empresa promotora, Amarelas Sociedade Cooperativa Galega; José Yáñez, Arquitecto Técnico, Enxeñeiro de Edificación, Doutor en Historia da Arte, profesor, pintor e debuxante; Mª Cruz Meizoso e Mar Vidal, fiandeiras de Cabanas Rural Asociación de Mulleres; e Iago Varela, tenente alcalde do Concello de Cabanas. Ademais, despois da presentación, as fiandeiras de Cabanas Rural farán unha mostra do seu traballo no mesmo Salón de Plenos do Concello.

As persoas interesadas en participar no roteiro da mañá, na presentación da tarde, ou en ambas actividades, deben inscribirse previamente chamando ao 655 645 804 ou no correo info@amarelas.es. Haberá servizo de transporte gratuíto desde Cabanas e as localidades limítrofes, e tamén é posíbel reservar mesa para xantar nun establecemento local con prezo fixado.

Share.

Comments are closed.