Cabanas no Primavera no Camiño

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas participou este sábado en Ferrol na feira Primavera no Camiño, organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, un evento de promoción turística no que as persoas visitantes puideron achegarse a coñecer máis a fondo os diferentes concellos polos que pasa esta ruta xacobea.

Cabanas ofreceu no seu stand información sobre as diversas propostas turísticas, destacando o contraste entre a tranquilidade da costa, con praias de mar calma, co acceso máis salvaxe ao Parque Natural das Fragas do Eume, así como a oferta cultural e etnográfica. Ademais, as persoas que se achegaron até o espazo do noso concello puideron ver en primicia un vídeo de promoción turística que verá a luz estes días.

Ao mediodía realizouse un taller showcooking e unha degustación da burger Peregrina do Eume, a cargo de Antonio Díaz de AUTGA, establecemento situado no Paseo da Madalena que conta co selo de calidade Stelar, que pon en valor a aposta por produtos de proximidade nas súas elaboracións.

Xa pola tarde, as mulleres de Cabanas Rural Asociación de Mulleres levaron a cabo unha mostra de fiado, na que amosaron todo o proceso de transformación da lá de ovella, desde a súa orixe até a confección de pezas finais. Foron moitas as visitantes que se achegaron para coñecer este traballo que pon en valor a tradición do noso concello.

Share.

Comments are closed.