O Club de Lectura do Concello de Cabanas realizou a sesión deste mes de novembro contando coa presenza do escritor e periodista Xesús Fraga (Londres, 1971), autor de “Virtudes (e misterios)”, sobre o que versou a sesión. Esta obra, coa que gañou o Premio Nacional de Narrativa, outorgado polo Ministerio de Cultura, é unha homenaxe ás mulleres da súa familia, marcada pola emigración. Deste xeito, a Concellaría de Cultura quíxose unir á conmemoración do 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
No que se refire ao Club de Lectura, desde a área de cultura lémbrase que este programa está aberto a todas aquelas persoas adultas con interese na lectura e que queiran expresar as súas opinións sobre as lecturas propostas. Por tanto, aquelas persoas que estean interesadas en sumarse á actividade deberán poñerse en contacto coa Concellaría de Cultura ben por teléfono no número 981 49 59 59, ext.3 ou ben a través do correo electrónico: cultura@cabanas.gal
O Club de Lectura ten carácter mensual, reuníndose os últimos venres de mes ás 17.00h na Casa do Concello de Cabanas. Porén, a sesión de decembro adiantarase ao venres 16 polas festas de Nadal. O libro escollido para tratar nesa sesión é “Flores de ferro”, de María Rei Vilas.