Domingo, Setembro 26

“Unha viaxe a Cabanas” chega ao último episodio

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

“Unha viaxe a Cabanas”, a serie de vídeos promocionais lanzada pola área de turismo do Concello de Cabanas, chega ao seu fin, cun cuarto e último clip no que se recollen algúns dos mellores momentos dos clips anteriores e tamén imaxes inéditas reservadas para este episodio final.

A través dos catro vídeos, que foron publicados ao longo dos meses de verán, as espectadoras puideron achegarse a coñecer Cabanas desde unha perspectiva diferente, na que se puxo en valor a riqueza patrimonial e paisaxística do concello, mais tamén as alternativas de lecer e actividades, como as feiras ou festas. A franxa costeira, o río Eume e as fragas, edificios emblemáticos como igrexas, muíños ou o patrimonio indiano son algúns dos elementos que aparecen retratados neste traballo audiovisual.

“A serie amosa un concello que ofrece posibilidades para un xeito de facer turismo alternativo, desestacionalizado, respectuoso co entorno e adaptado a diferentes públicos, unhas liñas de traballo que están a ser o eixo vertebrador das políticas que estamos a desenvolver desde a área de turismo”, sinalou o tenente alcalde responsábel da área, Iago Varela.

A serie resultou ser todo un éxito nas redes sociais, onde acumula milleiros de reproducións e compartidos. “Quixemos facer un contido fresco e dinámico, adaptado a consumirse en calquera tipo de dispositivo ou tamaño de pantalla”, concluíu Varela.

Todos os episodios da serie están dispoñíbeis na páxina web e redes sociais do Concello de Cabanas, ademais da súa canle de YouTube. Foron realizados pola empresa WTMode, e para a súa realización combináronse diferentes técnicas de gravación e posprodución, como o uso de drones, cámaras 360º para os timelpases e hyperlapses, e cámaras convencionais para planos en detalle.

Share.

Comments are closed.