Roteiro polas Fragas do Eume cabanesas

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Deporte, organiza un novo roteiro a pé polo concello, que terá lugar o sábado 23 de outubro con saída ás 10.00h desde Igrexario (ver mapa), na parroquia de Soaserra. Tratarase dunha ruta circular, cun percorrido total de 10.5 quilómetros, e un desnivel de subida duns 400 metros, polo que a súa dificultade será moderada. Será unha ruta que durará até o mediodía.

Esta ruta iniciarase no Igrexario, para descender por unha pista dentro do Parque Natural das Fragas do Eume até o río que dá nome ao parque, onde se poderán ver especies autóctonas de carballos, castiñeiros e outras árbores convivindo cunha importante variedade de fentos e outras especies de plantas e matogueiras. Desde o río, unha pendente de 400 metros levará ás participantes de novo até o punto de inicio de ruta, pasando por puntos de interese como o lugar onde foron atopados os corpos sen vida de veciños do bando republicano na posguerra civil ou as “curripas”.

O prazo de inscrición estará aberto desde hoxe até o venres 22 de outubro, e as persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico a deporte@cabanas.gal, no que deberán indicar nome e apelidos, NIF, data de nacemento, número de teléfono e localidade de procedencia.

A actividade axustarase ás medidas de prevención específicas establecidas pola Xunta como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19. Desde o Concello lémbrase ademais que, como toda actividade física, as persoas participantes deben cumprir un mínimo de preparación e estar exentos de patoloxías médicas que desaconsellen levar a cabo esta actividade.

Share.

Comments are closed.