O vindeiro luns, 17 de maio ás 19h, no marco da programación do Día das Letras Galegas, o Concello de Cabanas ten programada a proxección de «A poeta analfabeta«, dirixida por Sonia Méndez e producida por Cósmica Producións. Para asistir a esta función é preciso reservar praza previamente, ben por correo electrónico en normalizacion@cabanas.gal ou ben por teléfono no 981 495 959 (ext. 6).
A continuación pódese consultar a sipnose do documental. O trailer pode consultarse nesta ligazón.
«A poeta analfabeta» é unha película documental que retrata a unha muller fascinante: Luz Fandiño. Poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Aos seus 89 anos é unha das voces vivas da emigración galega, da que voltou pobre pero cunha fonda consciencia da súa identidade, a súa lingua e o seu xénero. Luz é testemiña viva das realidades máis duras do século XX. Por ser muller, por ser emigrante, por ser pobre, por ser roja.
O relato documental xira en torno ao seu retrato: a súa historia de vida, a súa loita política e a súa obra poética, pero tamén en torno aquelo do que Luz xera ao seu redor e que conforma o seu legado, porque para moita xente Luz é un referente, case unha icona.
Luz é unha muller brava, unha persoa fondamente política e un ser cunha humanidade excepcional. Como entende o mundo esta poeta que a pesar do tremor das súas mans escribe todos os días? Que a move a tal esforzo?