Domingo, Xaneiro 23

O proxecto “Cabanas Mar” sensibilizará a riqueza litoral aos escolares da vila

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas informa de que o proxecto “Valorización da actividade pesqueira e marisqueira dos seus espazos extractivos no litoral de Cabanas, Cabanas Mar”, promovido pola área de medio ambiente, vén de recibir o apoio do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca.

O proxecto prevé a realización de accións de sensibilización dirixidas a diferentes públicos, principalmente escolares, e visibilizar a actividade extractiva da zona, mediante dispositivos informativos sobre a biodiversidade no litoral e os sistemas de extracción artesanal. Ademais, conta co apoio da Confraría de Pescadores de Pontedeume, para o contacto coas xentes do mar e o coñecemento do sector; así como do CEIP Eladia Mariño e o Club KDM de kaiak, para a promoción das rutas que se deseñen.

“Cabanas Mar preséntase como unha oportunidade para darlle continuidade e dotar de contidos ao Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas, unha iniciativa que tamén obtivo fondos do GALP Golfo Ártabro Norte e que abrirá as súas portas coa programación municipal de 2022”, sinalou o tenente alcalde de Cabanas, Iago Varela, quen tamén confirmou que as obras de construción do edificio do CIMM rematarán “nos próximos días”.

Para acadar os seus obxectivos, Cabanas Mar ten previsto o inicio dalgunhas das súas actividades durante este mes de decembro de 2021, como a creación dunha imaxe do proxecto para a difusión dos valores de sustentabilidade e as potencialidade do sector do mar ou o deseño de contidos para paneis didácticos móbiles. A recollida de información para o desenvolvemento destas actividades realizarase a través dun estudo do territorio e de entrevistas aos axentes clave do territorio local, como a Confraría de Pescadores e outras entidades sociais.

Durante a anualidade de 2022, Cabanas Mar continuará con outras actuacións a executar no municipio, entre as que se inclúen a xeración dun banco de fotografías para difusión do proxecto e montaxe dos paneis para a exposición itinerante; obradoiros de sensibilización dirixidos a escolares do CEIP Eladia Mariño, para divulgar ante o alumnado a riqueza paisaxística litoral e a identidade do municipio ligada ao sector mariñeiro e o programa de rutas no litoral, enxalzando a contorna costeira e a súa evolución co paso do tempo.

O proxecto foi financiado por un importe de 72.908,55€, e as súas actuacións rematarán en setembro de 2022.

Share.

Comments are closed.