O pleno de Cabanas aprobou, na súa sesión ordinaria do pasado mércores 29 de xaneiro, tres propostas de novos regulamentos e a modificación dunha ordenanza municipal. Trátase dos regulamentos de participación veciñal, de venta ambulante e feiras, e de rexistro municipal de entidades, así como a ordenanza de axuda a emerxencia social.
O novo regulamento de participación veciñal establece as diferentes vías de participación da veciñanza na vida municipal, fomentando a formulación de iniciativas veciñais e creando a posibilidade de facer preguntas nos plenos.
Pola súa banda, o regulamento de venta ambulante e feiras nace coa vontade garantir a boa convivencia da actividade de venda ambulante e mercados, regulando aspectos como os horarios, zonas de realización, condicións de montaxe ou a documentación que precisan presentar as persoas que monten os postos.
O regulamento do rexistro municipal de entidades, contemplado no regulamento de participación veciñal, establece un marco xurídico que permite coñecer documentalmente a realidade do tecido asociativo e de participación colectiva, co fin de dispoñer da información necesaria que dea soporte ás accións públicas que haxa que emprender para favorecer e facilitar a participación da veciñanza, así como garantir a transparencia na xestión municipal.
Por último, coa modificación da ordenanza de emerxencia social amplíase o número de persoas que se poden acoller ás axudas e se actualizan, ampliando, as cantidades das axudas para alimentación, coidado infantil, medicinas non cubertas polo sistema de saúde, transporte e reforzo escolar, entre outros.
O goberno local amósase satisfeito coa aprobación dos tres regulamentos e a mellora das ordenanza de emerxencia, que van na liña de “ampliar os dereitos da veciñanza de Cabanas e mellorar a súa calidade de vida.”