O luns abre o prazo de inscrición aos campamentos de verán

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas informa da posta en marcha de dous campamentos de verán, urbano e deportivo, que se celebrarán durante os meses de xullo e agosto no apeadoiro e no pavillón do CEIP Eladia Mariño, respectivamente.

No campamento urbano Cabanas Concilia, destinado a nenas e nenos nados desde o ano 2009 a 2017, levaranse a cabo actividades como teatro, contacontos, música, obradoiros e aula de natureza, mentres que no campamento deportivo, orientado a nenas e nenos a partir de 7 anos xa cumpridos, desenvolveranse actividades de predeporte, xogos tradicionais e de movemento.

As inscricións a estes campamentos poderán ser quincenais ou de carácter mensual, cuns prezos de 40 ou 65 euros, respectivamente. As prazas asignaranse por orde de inscrición, e dando prioridade ás persoas empadroadas en Cabanas. Ademais, con respecto ao campamento urbano, darase preferencia ás familias con ingresos que non superen 6,5 veces o indicador público de renda correspondente a 2020 (3.495,96 € ou 4020,35 € no caso de familias monoparentais).

Para participar é preciso facer a inscrición das crianzas nestes campamentos no Rexistro Municipal – presencialmente ou a través da sede electrónica – presentando entre o luns 14 e o mércores 23 de xuño, ambos incluídos, o correspondente impreso de solicitude, dispoñíbel para  súa descarga ao final deste artigo, xunto coa seguinte documentación:

  • Copia do DNI da persoa solicitante.
  • Copia da tarxeta sanitaria da nena ou neno.
  • Copia do DNI ou libro de familia da nena ou neno.
  • (para campamento urbano Cabanas Concilia) Xustificante da declaración da renda de 2020 ou certificado de exención, de ser o caso.

O campamento urbano está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade e, de ser o caso, polo programa operativo FSE Galicia 2014 – 2020.

Para máis información pode chamarse por teléfono ao 981 495 959, e marcar a extensión 3 para o campamento deportivo, ou extensións 2 e 6 para o campamento urbano.

Campamento urbano | Ficha inscrición (docx) | Ficha inscrición (pdf)

Campamento deportivo | Ficha inscrición (docx) | Ficha inscrición (pdf)

Share.

Comments are closed.