A pasada semana tivo lugar o «Ciclo de participación online: Rapazas e rapaces en acción» que UNICEF organiza a nivel nacional para as Cidades Amigas da Infancia, da que Cabanas forma parte. Desde o noso concello participou Clara Conchillo, integrante do Grupo de Represenantes da Adolescencia de Cabanas, para tratar o contacto entre o grupo de representantes e os gobernos locais.
Clara comentou a súa experiencia de participación na política municipal do noso concello ao longo deste confinamento, dando conta da comunicación e das reunións coa corporación local, nas que as mozas e mozos do concello puideron aportar as súas ideas e propostas: «É unha vía de información mutua. Nós informamos á corporación local sobre como estamos a vivir isto, os nosos problemas e preocupacións, e ao tempo o goberno pode solucionar as dúbidas que nos xurdan», sinalou Clara.
As mozas e mozos do Grupo de Representantes da Adolescencia de Cabanas tamén aproveitaron o confinamento para apostar pola creatividade, e a través da súa conta de Instagram difundiron un vídeo que elas e eles mesmos gravaron, montaron e produciron para contribuír, en clave de humor, a facer máis ameno o confinamento.