O Concello de Cabanas, a través da área de medio ambiente, xunto coa compañía telefónica Orange, lanzan unha campaña de reciclaxe de móbiles usados que ten un dobre fin social: a conservación do medio ambiente e a loita contra a drogodependencia e as adiccións que leva a cabo a Asociación Ferrolá de Drogodependencia ASFEDRO.
A campaña, coa que se quere animar e involucrar á veciñanza da localidade, estará activa até o 15 de xaneiro, e ten como reto recoller cando menos 300 móbiles. Os terminais, así coma os accesorios electrónicos como cargadores, auriculares ou baterías, poderanse depositar nos colectores habilitados, situados na Casa do Concello, no CEIP Eladia Mariño e no IES Fraga do Eume. Por cada móbil, doarase un euro á causa social que leva a cabo ASFEDRO.
Iago Varela, tenente de Alcalde e concelleiro de medio ambiente e innovación, puxo en valor “a aposta decidida do Concello de Cabanas pola realización de campañas de sensibilización que contribúan á minimización dos impactos dos residuos que xeramos en Cabanas, e especialmente os residuos que, coma estes, son especialmente problemáticos pola cantidade de compoñentes tóxicos que conteñen e o seu crecente volume de xeración.”
Varela sinalou que esta iniciativa, que se enmarca dentro da estratexia Cabanas Sostíbel, “é especialmente valiosa xa que non só serve para o coidado do medio ambiente, senón que tamén nos permite axudar a concienciar e previr as drogodependencias e as adiccións ás apostas e ao xogo en liña, colaborando con ASFEDRO”.
Teléfonos móbiles e reciclaxe
Os terminais móbiles son o aparato electrónico máis abundante. Até o de agora, fabricáronse máis de 8.000 millóns de dispositivos – o que equivale a 20 veces o perímetro da terra – e se calcula que a cifra podería ascender co paso dos anos. Porén, actualmente só se recolle un de cada 20 móbiles.
Esta campaña ofrece a posibilidade de mellorar o medio ambiente recollendo os móbiles que xa non se empregan a través de dúas vías: por un lado, a ampliación da vida útil dos móbiles mediante a súa reutilización tradúcese nunha redución das necesidades de enerxía e materias primas necesarias para a fabricación de novos teléfonos. E por outro, os móbiles usados son como “minas urbanas”, pois conteñen valiosos minerais (ouro, prata) cuxas reservas están diminuíndo drasticamente e que podemos recuperar coa súa reciclaxe, do mesmo xeito que as sustancias perigosas que conteñen.
Estímase que se se reciclasen 2.000 millóns de móbiles ao ano en todo o mundo poderían reutilizarse 60.000 millóns de toneladas de recursos escasos presentes en ditos terminais, cun positivo impacto tanto para o entorno como para a creación de emprego.
Orange pola conservación do medio ambiente
Dentro do seu compromiso responsábel co entorno, Orange realiza continuas campañas de reciclaxe de terminais móbiles, tanto nas súas tendas, como en institucións, empresas e colexios. Ademais do papel intrínseco da propia reciclaxe: aforro de recursos naturais, oportunidades de emprego, etc., a compañía suma unha importante labor solidaria ao doar unha porcentaxe do terminal recollido a financiar diferentes proxectos sociais.
Este compromiso está aliñado co ODS 13 (Cambio climático) de Nacións Unidas. Máis información sobre o avance dos programas de sostibilidade de Orange neste enlace.