Martes, Setembro 27

O CIMM anuncia a súa programación para o mes de setembro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) de Cabanas vén de presentar a programación de actividades para o mes de setembro, que inclúe saídas interpretativas e unha exposición e relatorio sobre as aves do Golfo Ártabro.

Rutas interpretativas a pé

O sábado 3 de setembro, ás 9.30h, farase unha saída pola ruta interpretativa das Fragas do Eume, na que as participantes percorrerán o curso do río Eume, visitando o seu esteiro e chegando ao centro de recepción de visitantes. A actividade servirá para coñecer a importancia da zona intermareal, as especies que habitan e conforman o bosque autóctono das Fragas do Eume e os aproveitamentos tradicionais dos recursos deste espazo.

Para o venres 9 de setembro á tarde (17.30h) está programada a saída da costa, que achega ás visitantes até o muíño de mareas de Río Castro, a zona litoral de Cabanas e a antiga lonxa de Pontedeume, permitindo coñecer a biodiversidade que alberga este hábitat, as transformacións da costa e un dos solpor espectacular desde a Praia da Madalena.

Ambas actividades son de balde, e teñen saída desde as instalacións do CIMM, situado no Parque do Areal. Para participar nelas é preciso inscribirse previamente a través dos formularios que se amosan a continuación, no correo cimm@cimmcabanas.gal ou no teléfono 674 357 478

Formulario roteiro Fragas do Eume | Inscrición roteiro pola costa

Saída en barco

Ademais das saídas a pé, tamén se levará a cabo unha nova saída interpretativa en barco polo esteiro do Eume o mércores 7 de setembro en horario de mañá. Porén, para esta actividade xa non quedan prazas libres, xa que estas foron cubertas coa extensa lista de espera das saídas en barco programadas no mes de agosto.

Exposición e relatorio sobre as aves do Golfo Ártabro

A partir do 1 de setembro poderase visitar a exposición “Aves Ártabras”, unha escolma da exposición itinerante “Aves de Galiza” do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galiza (CEIDA), coa que poderemos coñecer moitas das aves que, malia pasar desapercibidas, acompañan o noso día a día nos parques, praias, esteiros, cantís ou fragas da nosa contorna.

Ademais, para o martes 6 de setembro ás 19.00h está programado o relatorio “As aves mariñas do Golfo Ártabro, veciñas do mar e do ceo”, a cargo de Serio París, coordinador do programa de Educación Ambiental e Espazos Naturais Protexidos do CEIDA.

Sobre o CIMM

O Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) de Cabanas é un proxecto impulsado pola área de medio ambiente do Concello de Cabanas, e conta con financiamento de fondos FEMP a través do GALP Golfo Ártabro Norte.

Pode visitarse de 9 a 15 horas de martes a xoves, e de 11 a 14h e de 15 a 18 horas de venres a domingo.

Share.

Comments are closed.