O Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas estrea páxina web

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) de Cabanas vén de poñer en marcha a súa páxina web, cimmcabanas.gal, un espazo virtual que permite ás visitantes coñecer o espazo impulsado pola área de medio ambiente do Concello de Cabanas para dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial do litoral.

A través das diferentes seccións da páxina, as visitantes á web poderán descubrir as actividades vencelladas ao proxecto, así como seguir a actualidade e acceder a información útil e publicacións editadas tanto polo propio Centro de Interpretación, como polo Concello de Cabanas ou outras entidades coas que colabora.

“A web do CIMM pretende ser un espello virtual do mesmo, e servir non só para dar a coñecer as actividades do Centro, senón tamén para contribuír á divulgación científica e ao coñecemento do medio mariño de Cabanas e a súa área de influencia”, sinalou o tenente alcalde de Cabanas e responsábel do proxecto, Iago Varela.

Exposición exterior no Paseo Marítimo

Coincidindo coa semana de celebración das Festas de Santa Marta, o CIMM saca desde hoxe de novo ao exterior a exposición Cabanas Mar, dedicada ao litoral de Cabanas e as súas xentes.

Trátase de 8 paneis didácticos da gran escala, nos que se traballa na posta en valor dos grandes atributos da costa de Cabanas: a súa paisaxe, os elementos naturais do entorno, os recursos naturais que compoñen o litoral, a riqueza da marisma e o esteiro do Eume e a profesión do marisqueo en Cabanas.

Para o proceso de elaboración desta exposición contouse coa axuda das persoas que mellor coñecen e coidan o medio: as persoas que traballan o mar. Co relato das súas experiencias, os seus coñecementos e o seu labor, axudaron a transmitir os valores cos que traballan, de forma incondicional, coidando o seu entorno.

O proxecto do Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas, e o proxecto Cabanas Mar, foron impulsados pola área de medio ambiente do Concello de Cabanas, e contan co apoio do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a través do GALP Golfo Ártabro Norte.

Share.

Comments are closed.