Sábado, Abril 20

O Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM Cabanas) máis preto de ser unha realidade

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas rematou o pasado mes de decembro as obras de montaxe do edificio que albergará o Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas, unha infraestrutura situada no Parque do Areal, ao carón da Oficina de Información Turística. Trátase dun inmoble construído en madeira de 43 metros cadrado de superficie.

“Está fabricado en madeira por unha cuestión medioambiental, e tamén pola integración paisaxística na zona, xa que está emprazado nun parque”, explicou o tenente alcalde e concelleiro de medio ambiente de Cabanas, Iago Varela. “A súa situación, nas proximidades da praia e en pleno estuario do Eume, tampouco foi arbitraria”, engade.

“Pretendemos que sexa un lugar de encontro dos veciños vinculados ao mar e que traballan no mar e que axude a coñecer este medio de vida, aporte coñecementos sobre a ría, as especies ou as transformacións sufridas”, comenta Varela. Para conseguilo, establécense dúas liñas de traballo, unha vinculada ao espazo expositivo con elementos museísticos e outro como lugar de encontro no que se poidan organizar obradoiros vinculados á temática mariña.

O proxecto do Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas conta con financiamento do FEMP e da Consellaría do Mar a través do GALP e está subvencionado con 84.337,00 €. Para máis información pode visitarse esta páxina.

Share.

Comments are closed.