O Camiño Inglés mantén o tirón turístico no mes de outubro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Camiño Inglés mantivo o tirón turístico de Cabanas durante o mes de outubro. É o que se desprende das estatísticas recollidas na Oficina de Información Turística da localidade, onde o 65% das persoas visitantes atopábanse en peregrinación a Santiago.

Malia ter acusado un descenso importante no número total de visitantes a causa das restricións de mobilidade establecidas pola crise sanitaria, cómpre destacar que o 23% das visitas foron de persoas chegadas desde outro países, fronte un 50% correspondente a visitantes estatais e un 27% chegados desde outros concellos galegos.

En canto aos establecementos escollidos para pasar a noite, constátase un aumento importante no número de peregrinos que elixen albergues fronte aos meses anteriores, onde preferían aloxarse en establecementos hoteleiros. O resto de turistas repártense entre hoteis / hostais, autocaravanas, segundas residencias ou casas de familiares.

Tamén mudou no mes de outubro a tendencia na compañía elixida á hora de viaxar, un 32% de persoas viaxando soas, cifra idéntica para as que viaxan con outras amizades. Seguen de preto as viaxes en parella (un 29%) e en última posición as familias con menores (un 7% do total). Ademais, o 90% das persoas que visitaron Cabanas durante este pasado mes tiñan entre 30 e 55 anos.

Actividade co CEIP Plurilingüe Eladia Mariño

Para rematar o mes de outubro a Área de Turismo, en colaboración co profesorado do CEIP Plurilingüe Eladia Mariño, organizou unha saída na que as pequenas e pequenos de primeiro e segundo de primaria puideron visitar varios muíños situados ao longo do Río Ventín, na parroquia de Porto.

Durante a visita, guiada polo persoal técnico da Oficina de Información Turística de Cabanas, as crianzas coñeceron como funcionan os muíños, mesmo cunha demostración práctica, e tamén, aproveitando o outono, aprenderon sobre o mundo da castaña e recoller algún puñado delas.

O tenente alcalde e responsábel da área de turismo, Iago Varela, valorou positivamente esta actividade. “Consideramos que é fundamental que as nenas e nenos de Cabanas coñezan o entorno no que viven”, sinalou. Varela quixo agradecer tamén ás veciñas que se implicaron na visita, permitindo ás crianzas acceder ao interior dos seus muíños.

Share.

Comments are closed.