Sábado, Abril 20

Nova edición do Plan Integrado para o Emprego dirixido a mulleres

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas informa de que a través da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, vense de poñer en marcha unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galiza. Está dirixida a mulleres e en situación de desemprego empadroadas nos concellos de Cabanas, Ares, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda ou Valdoviño que cumpran algún dos eguintes requirimentos:

  • Certificado de discapacidade.
  • Risco de exclusión social e beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galiza.
  • Vítimas de violencia de xénero.
  • Menores de 30 anos con baixa cualificación.
  • Estar desempregadas (e inscritas como demandantes de emprego).

O Programa Integrado de Emprego 2021/2022 terá unha duración de 12 meses, e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes de xeito que melloren a súa empregabilidade e logren a inserción ñaboral. Os medios que se utilizarán para a consecución destes obxectivos  son moi diversos e adaptados ao perfil de cada persoa.

Con este fin, conxugaranse accións individuais co persoal técnico do programa (orientación laboral, asesoramento, itinerarios personalizados de inserción) con accións formativas tanto cualificantes (atención sociosanitaria, administración, comercio e loxística, peixaría…) como de tipo transversal (preparación para as competencias clave, informática, idiomas, habelencias sociolaborais, talleres de busca de emprego, talleres de entrevista…). O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral de xeito que en todo momento manterá contactos coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado, as posibles ofertas de emprego e poñelas en contacto coas usuarias do programa. O obxectivo mínimo de inserción laboral do Programa Integrado de Emprego deste ano é do 35%.

É importante subliñar que todas estas accións se apoiarán con medidas que permitan a participación das usuarias, de xeito que aquelas que teñan menores ou persoas con discapacidade ao seu cargo (e non dispoñan de recursos de apoio) poderán beneficiarse dun servizo de conciliación. Así mesmo, terán dereito a percibir unha bolsa de 7€ por día de asistencia ás accións do programa.

Esta metodoloxía permite que as participantes amplíen non só a súa cualificación senón que, ao mellorar o coñecemento de si mesmas e do propio mercado laboral, poidan adquirir formación que lles sirva para que a súa busca de emprego sexa máis eficiente e efectiva.

As mulleres interesadas en ampliar información ou inscribirse no programa poderán solicitalo do seguinte xeito:

  • Correo electrónico: emprego@cabanas.gal / piemancomunidade@ferrol.es
  • Teléfono: 697 874 155 / 670 304 224 / 981944000 ext. 378.

O prazo de solicitude remata o 3 de decembro [Ampliado o prazo até o 17 de decembro]. Posteriormente as mulleres inscritas serán chamadas a unha entrevista de cara a facer a selección final de participantes no programa.

A Xunta de Galiza e o Servizo Público de Emprego Estatal financian esta convocatoria con 217.500 € dos 250.000 € do custo total.

Máis información | Documento informativo | Solicitude inscrición

Share.

Comments are closed.