Manifesto polo Día do Orgullo LGTBIQA+

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, dentro do seu compromiso na construción dunha sociedade libre e garantista cos dereitos humanos, manifesta o seu apoio ás persoas LGTBIQA+ e se suma á histórica reivindicación de respecto á identidade que cada individuo sinte e conforme á cal decide vivir.

En pleno século XXI hai sectores da sociedade que seguen a negar un principio esencial: que ningún convencionalismo ou condición biolóxica pode estar por enriba da liberdade dunha persoa a ser quen e como queira ser. Fronte e esas mentalidades das que se nutren os discursos e delitos de odio, desde o Concello de Cabanas facemos un chamamento á convivencia baseada na comprensión, empatía e concordia e, por suposto, a pór fin ás discriminacións, sinalizacións, desprezos ou calquera outra forma de maltrato psicolóxico ou físico.

O artigo primeiro da Declaración Universal dos Dereitos Humanos que proclama a liberdade e dignidade para todas as persoas polo mero feito de selo, resulta vulnerado en maior ou menor grado segundo o contexto. As veces estas violacións teñen resultados dramáticos. As leis e institucións axudan, pero é a sociedade no seu conxunto a que ten a capacidade real de conquistar e preservar os dereitos e benestar dos seus membros, e todos e todas xuntos debemos actuar para acadalo.

Con motivo do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+ que rememora os altercados nos que se levou a voz contra a opresión a estas persoas, a Fegamp insta ás entidades locais galegas e a todos os seus veciños e veciñas a sumarse a esta declaración e facer canto estea nas súas posibilidades por esta causa, e así:

  • Condenar calquera discriminación ou atentado tanto físico coma verbal contra as persoas LGTIBQA+.
  • Procurar o benestar e respecto aos dereitos de calquera persoa, sexa cal sexa a súa identidade ou orientación sexual.
  • Rexeitar o discurso do odio e a intolerancia e erradicar estas condutas en calquera das súas formas ou circunstancias.
  • Censurar os espazos autoproclamados “libres de LGTBIQ+”, eufemismo que agacha discriminación e repudio.
  • Promover a igualdade, empoderamento e integración do colectivo LGTBIQ+, dando visibilidade á súa situación e necesidades e contribuíndo ao seu benestar.
  • Liderar o movemento para a construción dunha sociedade inclusiva, segura e con solucións para todos e todas

Share.

Comments are closed.