Sábado, Agosto 20

Manifesto da concentración en defensa do transporte público na nosa comarca

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A continuación reprodúcese o manifesto lido onte durante a concentración en defensa do transporte público na nosa comarca, á que se sumou o Concello de Cabanas xunto con outros concellos do noso entorno.

Desde o mes de xaneiro do 2021, co cambio da empresa prestataria do servizo de transporte interurbano de viaxeiros que cubre as liñas da nosa comarca e une os nosos concellos co resto de municipios, estamos a recibir innumerábeis queixas por parte das veciñas e veciños en canto ao incumprimento dos horarios ou a supresión de paradas sen previo aviso.

As queixas das ususarias comezaron xa durante os primeiros días da posta en marcha do contrato de licitación adxudicado á UTE Hércules Norte pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade. Todas as demandas achegadas polas usuarias habituais da liña Ferrol – Coruña, ou das diferentes liñas que unen as dúas cidades co resto de municipios, referíanse principalmente ao incumprimento dos horarios establecidos no contrato e á supresión ds paradas.

Ante esta situación, a maioría dos concellos puxémnos en contacto coa Consellaría de Mobilidade para reclamar que se cumpriran as condicións marcadas polo prego de licitación deste servizo de transporte, e se nos asegrou que se trataba de axustes no comezo da prestación do servizo e que se irían solventando nos seguintes días, unha promesa incumprida en reiteradas ocasións.

Ao longo do último ano estamos a ler continuamente na prensa que esta situación non afecta só a un concello concreto, senón aos diversos municipios da comarca (Cabanas, Ares, Fene, Ferrol, Mugardos, Monfero, Pontedeume…). É en última instancia a Consellaría de Infraestruturas da Xunta quen ten a competencia por ser a prestataria deste servizo e a responsabilidade de garantir o correcto cumprimento do mesmo. De aí que sexa esta a Administración á quen lle exixamos o restablecemento das liñas e frecuencias anteriores ao comezo deste novo contrato.

O pasado 30 de decembro, a algúns concellos fíxosenos chegar o resultado dun estudo / auditoría externa onde se nos presentaban os datos da “demanda real” e a súa adaptación para satisfacer as necesidades das usuarias co irrisorio prazo dun día hábil para presentar calquera alegación.

Xa non só polas liñas regulares dun transprote interurbano ao que os Concellos facemos unha achega económica e que deixan sen servizo a centos de usuarias, senón polas liñas integradas dos centros ecolares e a gravísima situación que supón deixar ás e aos menores sós nas paradas e sen servizo de transporte escolar, como así nos consta que ten acontecido.

O transporte público é fundamental na nosa bisbarra para unir municipios e dar acceso a servizos básicos para a cidadanía que non dispón de vehículo propio, tales como acudir a consultas médicas, á compra, étc. É ademais un medio de transporte que debemos poñer en valor co obxectivo de reducir as emisións contaminantes que poñen en perigo a nosa saúde e noso ecosistema, así como o camiño a seguir para evitar aglomeracións de vehículos nas vilas e cidades, cumprindo así cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel da Axenda 2030 que estamos a implantar desde os concellos.

Por iso debemos exixir o cumprimento dos horaios tal e como se estaba a facer pola anterior concesionaria. A reposición das liñas e paradas que foron eliminadas e que son obxecto de reclamación por parte das usuarias. Debemos exixir así mesmo que esta mala xestión do servizo non sexa a excusa para recurtar unha vez máis os servizos públicos.

Polo tanto, ante esta caótica e lamentábel situación, gran parte dos Concellos afectados reunímonos co obxectivo de facer unha petición común de resolución inmediata deste conflito e demandar o correcto cumprimento do servizo de transporte interurbano de xeito inmediato, tal e como establece o contrato licitado pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, así como a reposición das paradas e liñas suprimidas e o aumento de frecuencias que favorezan e incentiven o uso deste transprote público no rural e nas cidades que formamos a comarca.

Desde o Concello de Cabanas, e todos os concellos veciños, daremos traslado á Consellaría das sinaturas que entre todas e todos recollemos no último mes para avalar esta petición e agardamos que se nos escoite, porque a nosa voz é hoxe a voz de toda unha comarca que non cesará na súa loita por evitar o illamento e por garantir o servizo público de transporte a toda a veciñanza sen excepción do seu lugar de residencia.

Share.

Comments are closed.