Cabanas aproba a creación dunha praia canina

O Concello de Cabanas aprobou onte no pleno, cos votos a favor dos grupos de goberno, a creación dunha praia canina, unha medida que responde a unha das maiores reivindicacións das usuarias e usuarios das praias para a mellora da convivencia durante os meses de verán.

O seu funcionamento limitarase ao período comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, período no que até o de agora os animais non podían acceder a ningún dos areais do concello. Ademais, tamén se modifica o período invernal para incluír o mes de maio, de maneira que entre outubro e maio, ambos incluídos, os cans poden acceder a todas as praias de Cabanas.

A nova praia canina de Cabanas terá unha lonxitude de 150 metros, e situarase no extremo sur da Praia da Madalena, entre o espigón e a primeira pasarela peonil. Estará delimitada con cartelaría anunciando onde comeza e contará con papeleiras para a recollida das deposicións dos animais.

Para poder usala, os cans deben contar con microchip e ter ao día a cartilla de vacinacións, e no caso das razas potencialmente perigosas contar con boceira, colar e estar en todo momento suxeitos pola correa. Tamén é obrigatoria a recollida dos excrementos, fixándose unhas sancións que oscilan entre os 30,05 e os 300,51 euros para os incumprimentos de carácter leve.