Domingo, Setembro 26

Fin das Festas de Santa Marta

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O pasado fin de semana o Concello de Cabanas viviu as súa cita festiva máis destacada do ano, as Festas de Santa Marta, que por segundo ano consecutivo estiveron fortemente marcadas polas restricións da Covid – 19. Porén, a implicación de todos os departamentos municipais fixo posíbel desenvolver unha axenda de actividades completa e segura.

Durante catro días Cabanas foi un lugar no que se deron cita a cultura e as artes escénicas, en moitas das súas expresións.

A programación iniciouse o xoves con cinema, coa proxección do filme “Cuñados”, e posteriormente, o venres celebrouse “Santa Marta Pequena”, unha xornada adicada ao público infantil, coas actuacións de Festivaliño, Pakolas e Mamá Cabra & Bellón Maceiras, que conseguiron arrincar sorrisos e alegría a través das máscaras.

O sábado, os concertos de Termita, Virginia Red e A Banda da Loba amosaron o potencial artístico de dúas bandas locais que están a dar os primeiros concertos sobre os escenarios, e tamén a calidade do panorama galego musical actual.

Xa o domingo celebrouse A Troula da Verba, un evento que xuntou no mesmo escenario música (Mini e Navia Rivas, Diego Rodríguez), poesía (Lúa Vila, Marcos Filgueiras, Tania Yáñez, Maria Gómez, Paula Antía Rey) e presentacións literarias (Antonio M. Fraga, Roque Sanfiz, Tania Yáñez).

A concelleira de cultura e festas, Diana Rodríguez, agradeceu a participación de todos os artistas nas Festas de Santa Marta, mais tamén o traballo do persoal do Concello na organización e desenvolvemento dos diferentes festexos. Ademais, salientou “a colaboración do público para cumprir estritamente coas medidas de seguridade establecidas pola pandemia, conseguindo ter eventos seguros”.

Novas datas

A climatoloxía impediu a celebración da representación da obra teatral Ghop, da compañía Teatro ó Cubo. Próximamente anunciarase unha nova data para desenvolver a mesma.

Share.

Comments are closed.