O pasado sábado á noitiña celebrouse a primeira «Noite de morcegos«, unha actividade consistente nunha xornada de campo para a observación de morcegos celebrada no entorno do Río Castro, en colaboración coa Asociación Drosera.
Logo dunha introdución ao mundo destes animais, as persoas participantes puideron aprender a escoitar e identificar a actividade dos morcegos, así como as técnicas que se empregan para o seu estudo. Realizouse ademais unha pequena camiñata nocturna que permitiu visitar diferentes puntos, próximos ao río, onde se puideron contemplar varios exemplares.
A actividade, incluída dentro da estratexia Cabanas Sostíbel, serviu tamén para poñer fin á exposición «Morcegos de Galiza», que durante quince días estivo aberta ao público nas dependencias municipais. Nela, a través de varios paneis informativos, explicábanse curiosidades sobre os quirópteros galegos, e o seu papel fundamental na conservación do medio.
