Estudantes de Cabanas participan no X Foro de Participación Infantil no Parlamento Galego promovido por UNICEF

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Parlamento Galego acolleu este mediodía a décima edición do foro infantil organizado coa colaboración de UNICEF, contemplado expresamente no Pacto Galego pola Infancia rubricado polos grupos que integran a Cámara autonómica. Nel participaron estudantes do Consello Local de Participación Infantil do Concello de Cabanas, que estiveron acompañados polo alcalde, Carlos Ladra, e a concelleira de infraestruturas, Concepción Rodríguez.

O Foro de participación infantil celebrado hoxe na Cámara galega enmárcase na conmemoración do Día Mundial da Infancia, que recorda a aprobación da Convención sobre os dereitos do neno pola Asemblea Xeral da ONU o 20 de novembro de 1989. Ademais de mozas e mozos de Cabanas, participaron representantes dos consellos locais de participación infantil e adolescente de Moeche, Teo, Ames, Viveiro, Moaña, Ponteareas, Tomiño, Redondela, Nigrán, Castrelo de Miño e Burela.

Tamén participou o o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude, Jacobo Rey Sastre; a presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito; e representantes dos tres grupos parlamentarios con representación parlamentaria: Marina Ortega Otero (PSdeG-PSOE), Ramón Fernández Alfonzo (BNG) e Carmen Pomar Tojo (PPdeG).

A continuación, reprodúcese o discurso de Xoana, representante de Cabanas, que tamén se pode ver en vídeo máis adiante

Bo día a todas e todos.

Tócanos dicirvos as propostas que podedes levar a cabo desde este Goberno.

Coñecemos o Plan de Saúde Mental de Galicia postcovid-19 que puxestes en marcha no ano 2020. E seguramente, a estás alturas, xa hai moito conseguido. De feito, as propostas que vos presentamos hoxe están na liña deste Plan.  Seguindo o enfoque dos ODS, propoñemos actuacións desde diferentes ámbitos, indo do local ao máis global; ISTO É COUSA DE TODAS E DE TODOS

Desde o centro educativo

  • No noso cole temos o Programa “Educación Responsable subvencionado pola Xunta de Galiza. Tratase dun programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade da comunidade educativa: Queremos mais coles coma o noso, CHEOS DE VIDA.
  • Pedimos que se utilicen as horas de titoría para solucionar conflitos, falar das nosas inseguridades e emocións con normalidade; NON PARA CONTINUAR ESTUDANDO MATERIAS.
  • Ademais, queremos que a educación emocional sexa unha materia igual que por exemplo a matemáticas (Se estamos mais atentas e motivadas aprenderemos mellor).

Desde o Concello

  • As Administracións Locais deben coñecernos: saber en que nos pode axudar, que fagan máis actividades para a infancia e a xuventude, que nos sigan levando ao Parlamento para que nos escoitedes.

Desde o Servizo Galego de Saúde

  • Como xa sabedes, precisamos máis profesionais da saúde mental, pero tamén precisamos de traballo interdisciplinar: sicoloxía, siquiatría, terapia ocupacional, traballo social, educación social… No Plan de Saúde Mental de Galicia prevese a incorporación de 241 profesionais destas áreas ¿estades comprobando que se está a cumprir?
  • A Investigación e estudo da Saúde Mental é imprescindible. Somos moitas e moitos que sufrimos nalgún momento problemas de saúde mental e non o sabemos; non se fala disto: o coñecemento profundo da Saúde Mental é necesario, e facer prevención e sensibilizar á poboación tamén.
  • Desde a atención primaria, un exemplo, Cabanas, onde eu vivo: temos que trasladarnos a outro concello para que nos atenda unha pediatra, porque non a temos no noso centro de saúde.
  • Queremos unha participación real das e dos pacientes nos seus coidados, a través de accións que faciliten a comunicación entre pacientes e profesionais.

EN DEFINITIVA: Precisamos máis educación emocional para as políticas e políticos, para as profesionais, para as familias, para o profesorado e para os nenos e nenas: só así poderemos ESTAR BEN.

Share.

Comments are closed.