Estrea da curtametraxe “Vouvos contar unha cousa” do proxecto EspadELA en Cabanas

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Salón de Plenos da Casa do Concello acolle este venres ás 19h a presentación e proxección da curtametraxe documental “Vouvos contar unha cousa”, unha peza audiovisual feita no marco da escola de empoderamento feminino EspadELA, na que participa o Concello de Cabanas a través da área de igualdade.

A curtametraxe, realizada por Lucía Catoira Pan, afonda na visibilización do impacto da COVID nas mulleres do rural, e xorde da conversa de dúas mulleres: Nieves López, veciña de Cabanas e fiandeira da Asociación de Mulleres Cabanas Rural, e Magdalena López. A través dos ollos de Nieves Magdalena, procúrase a esperanza de camiñar xuntas cara un escenario onde celebrar a saúde e a vida, desde unha perspectiva feminista.

O proxecto EspadELA é un proxecto impulsado pola cooperativa Arabías no que tamén participa o Sindicato Labrego Galego e a Deputación da Coruña, ademais do Concello de Cabanas, entre outros.

Aposta polo audiovisual

“Vouvos contar unha cousa” chega unha semana despois da estrea do documental “O valor do non contado”, protagonizado polas mulleres que acudiron aos obradoiros impulsados pola área de igualdade de Cabanas e no que se amosan as actividades e dinámicas destes obradoiros, ao tempo que se relevan entrevistas persoais sobre as súas vidas, co fin de dar visibilidade e recoñecemento ao papel da muller na vida de Cabanas.

“O valor do non contado” está dispoñíbel na canle de YouTube do Concello de Cabanas

Share.

Comments are closed.