Martes, Novembro 30

Cabanas prepara unha estratexia conxunta con Pontedeume, A Capela, Monfero e Miño para reclamar melloras no transporte escolar e interurbano

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas mantivo hoxe unha reunión con representantes dos concellos de Pontedeume, A Capela, Monfero e Miño, co obxectivo de coordinar unha estratexia conxunta para reclamar á Xunta de Galicia un servizo de transporte de calidade.

Na xuntanza estiveron presentes os concelleiras de infraestruturas, Concepción Rodríguez, e de educación, Diana Rodríguez.

Estes municipios están a sufrir un deficiente servizo de transporte interurbano e escolar, cun continuo incumprimento dos horarios ou a supresión de paradas sen previo aviso, unha situación que está a provocar as queixas da cidadanía. Ademais, non se está a cumprir o contrato deste servizo, licitado pola consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Concretamente, a nivel escolar en Cabanas, este problema afecta ao alumnado de bacharelato do IES Breamo. Os estudantes deben de aboar as viaxes na ruta de traslado do seu domicilio ao centro escolar, debido á implantación das liñas integradas neste servizo.

“É inaceptable que os estudantes teñan que pagar por usar este servizo, dado que son menores de idade e teñen dereito a unha educación gratuíta, polo que reclamámoslle á Xunta que estableza a súa gratuidade”, sinalaron as participantes.

Os usuarios e usuarias das liñas interurbanas tamén están a sufrir as consecuencias dun deficiente servizo, con incumprimento dos horarios nas liñas Ferrol-A Coruña ou Monfero-Pontedeume.

Os concellos presentes na reunión recordan a importancia dun transporte público de calidade nesta zona, que permite unir municipios e que a cidadanía acceda a servizos básicos. “Un servizo deficiente, que recorta liñas e paradas, provoca o illamento das zonas e unha peor calidade de vida para os nosos veciños e veciñas”.

Os municipios implicados nesta xuntanza teñen como obxectivo organizar unha estratexia conxunta e reclamar así á Xunta de Galicia, a través da consellería de Mobilidade, un servizo óptimo de transporte e a gratuidade do transporte dos nenos e nenas.

Share.

Comments are closed.