Martes, Novembro 30

Enviado escrito á Consellaría de Mobilidade para reclamar melloras no transporte público

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, xunto cos de Pontedeume, A Capela, Miño e Monfero, veñen de enviar un escrito dirixido a Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galiza, no que esixen unha solución á preocupante situación do servizo de transporte interurbano nestes municipios.

O escrito explica que as queixas da cidadanía son constantes desde a entrada en funcionamento da nova empresa concesionaria do servizo, incumpríndose os horarios e as paradas. Asemade, os concellos recordan que o transporte interurbano debe unir as diferentes zonas cos servizos elementais, como o subministro de alimentos, atención sanitaria, bancaria, entre outras. “Os retrasos e incumprimentos nos horarios están a trastornar a vida dos nos concellos”, engaden.

Respecto ás liñas integradas das que debe facer uso o alumnado de Bacharelato e FP, o escrito recalca a inxustiza do pago deste servizo, implantando ademais sen previo aviso ás familias. “As familias deben adiantar os cartos para recargar a tarxeta, polo que o servizo priva a aqueles alumnos e alumnas dun acceso gratuíto á educación, facendo ademais unha clara discriminación cara aqueles que viven no rural”, sinalan fontes municipais.

Sumada a esta circunstancia, no caso do alumnado de bacharelato e FP, o alumnado de Cabanas e Miño non conta con prazas suficientes para ser trasladado aos centros educativos de Pontedeume e Betanzos.

Deste modo, os cinco concellos solicitan á consellería de Mobilidade a gratuidade do transporte escolar ao alumnado menor de idade que curse bacharelato e FP. Asemade, esixen que a empresa cumpra coas condicións relativas a frecuencias, horarios e liñas. Por último, esíxenlle á Xunta de Galiza unha reunión cos concellos afectados para poder tratar esta situación.

Share.

Comments are closed.