Martes, Novembro 30

Declaración Institucional do Concello de Cabanas polo 25N, Día para a eliminación da violencia contra a muller

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A loita contra a violencia machista é un dos retos máis grandes para a sociedade galega e para a humanidade no seu conxunto. A forza do feminismo fai que o 25 de novembro, declarado Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 1999, sexa unha data de denuncia e reivindicación que convida a reflexionar e actuar para avanzar na súa prevención, sensibilización e erradicación.

No que vai de ano 2021 Galiza xa tivo que saír á rúa condenar un feminicidio cometido na Coruña, á espera de que conclúan as investigacións respecto doutro asasinato dunha muller no Barco de Valdeorras. Así mesmo, segundo os datos do IGE, durante o 1º semestre de 2021 a Atención polo Punto de Coordinación das Ordes de Protección abordou o seguimento de 536 novos expedientes e foron comunicadas máis de 500 medidas de protección. Así mesmo, diversos colectivos denunciaron recentemente o incremento da violencia obstétrica por mor das dificultades de acceso aos servizos durante a pandemia, así como a permanencia da vulneración de dereitos como o acceso a un aborto digno e gratuíto no sistema público de saúde.

A pandemia da covid-19 trouxo ao noso contexto actual unha importante crise sanitaria, social e económica que atravesa de forma moi intensa a realidade das mulleres, un dos sectores máis afectados da nosa sociedade. É evidente que neste contexto, aínda que invisibilizada, a violencia machista continuou connosco. Asociacións de mulleres, institucións e profesionais de diferentes ámbitos coinciden na grave afección das medidas de confinamento e de restrición de actividade e mobilidade social para a actuación sobre a violencia machista e o grave risco para milleiros de mulleres.

Entre outros exemplos, podemos sinalar como na súa Memoria anual do ano 2020, coñecida en outubro, a Fiscalía Superior de Galiza sinala que hai un nicho de criminalidade que a pandemia ocultou e que no ámbito da violencia machista “o nivel de convivencia que a situación xerou, sen ningunha dúbida, supuxo un aumento que as cifras derivadas da fría estatística non reflicten, pero que aparecerá seguramente nun futuro non moi afastado ao atoparse actualmente soterrada, de forma que pronto, entendemos, xurdirá un goteo de procedementos cuxa orixe ou aparición se deriva da pandemia.”

Polo tanto, aínda que a situación da pandemia estea nunha fase de control, é necesario que se atendan todas as súas repercusións, tamén no ámbito da violencia machista. É necesario, polo tanto, abordar a necesidade de fortalecer os medios existentes e de adquirir máis compromisos orzamentarios, lexislativos e políticos.

Nos últimos anos Galiza é exemplo de importantes avances institucionais, como o recoñecemento da violencia vicaria como violencia machista, e de importantes mobilizacións, como amosa a cada vez maior resposta aos feminicidios, en convocatorias e asistencia, ou as históricas manifestacións dos 8 de marzo. Estes feitos dan conta da fartura social e do gran rexeitamento á violencia machista da sociedade galega, como tamén reflicten os datos da enquisa sobre percepción da violencia de xénero por parte da sociedade galega, que sinala como o 80% da sociedade entende que este é un problema social que atinxe a todas as persoas e non se circunscribe ao ámbito privado.

Por todos estes motivos, é necesario que este 25 de novembro fuxa de ritualismos e declaracións de intencións e que colectivamente asumamos máis compromisos. Desde o pleno do Concello de Cabanas, as forzas políticas

  • Instamos ao Goberno do Estado a desenvolver as medidas do Pacto de Estado contra a violencia machista, concretamente as recollidas no Eixe 8 que fai referencia á visualización e atención de outras formas de violencia contra as mulleres, prestando especial atención á violencia sexual. De conformidade co Convenio do Consello de Europa para previr e combater a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica (Convenio de Istambul), de 2011, incluiranse todos os actos de violencia baseados no xénero que impliquen para as mulleres danos ou sufrimentos de natureza física, sexual, psicolóxica ou económica, incluídas ameazas, coacción ou privación da liberdade.
  • Solicitamos do Congreso a aprobación da modificación da Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, que ten como obxectivo a ampliación do obxecto da norma para que abarque outras manifestacións de violencias machistas, superando o enfoque patriarcal e reducionista que limita ao ámbito familiar da parella.
  • Demandamos da Xunta de Galiza o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2022 de forma que se sitúen, como mínimo, no 1% do total e así dotar de suficientes recursos para que se rectifique a liña de incumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, como por exemplo no ámbito da atención psicolóxica garantida desde a atención primaria.
  • Demandamos da Xunta de Galiza o reforzo e ampliación da rede de Centros de Información ás Mulleres para garantir a cobertura do conxunto do territorio especialmente aquelas comarcas que actualmente carecen deste servizo así como a dotación dos medios humanos e materiais necesarios para reforzar o cadro de persoal daqueles CIM que asumen unha maior carga de traballo. Para tal fin, a Xunta de Galiza elaborará e remitirá á Cámara galega e á FEGAMP antes de finalizar o presente ano un Plan específico debidamente orzado e coa correspondente planificación temporal para levalo a cabo.
  • Reafirmamos o compromiso do Concello de Cabanas para manter a loita contra a violencia machista como unha das máximas prioridades da axenda política local, rexeitando de maneira expresa calquera acto de violencia sobre as mulleres e fomentando a convivencia en igualdade e o respecto á diversidade.
Share.

Comments are closed.